Xa advertiron en Xuño da previsíbel actuación do Banco Santander

O BNG avanza o seu apoio ás mobilizacións anunciadas como protesta aos dous expedientes de despedimento colectivo formulados para o antigo Banco Popular-Pastor

As nacionalistas, que en xuño presentaron en Pleno unha moción que finalmente foi desprovista de contido e desvirtuada por unha emenda do PP apoiada polo PSOE, lembran que advertían na mesma da previsíbel actuación do Banco Santander e das consecuencias que tería para a cidade a merca por un euro do Banco Popular-Pastor

O BNG avanza o seu apoio ás mobilizacións anunciadas como protesta aos dous expedientes de despedimento colectivo formulados para o antigo Banco Popular-Pastor
Avia Veira, concelleira do BNG
Avia Veira, concelleira do BNG

Avia Veira: “O impacto na cidade do proceso anunciado polo Banco Santander alcanza á destrución de 500 postos de traballo directos do antigo Banco Pastor, entre a sede central do Cantón e o centro de Orillamar, que serán efectivos a partir de xaneiro. É indecente e inasumíbel, polo que chamamos á veciñanza a apoiar canta mobilización sexa convocada polas traballadoras e polos traballadores. A primeira, a semana que vén, o martes 14, ás 11.30 h diante da oficina central do Banco Pastor do Cantón Pequeno”

A Coruña, 9 de novembro de 2017. O BNG vén de avanzar esta mañá o seu apoio ás mobilizacións anunciadas como protesta aos dous expedientes de despedimento formulados para o antigo Banco Popular-Pastor.

E é que as nacionalistas denuncian, diante do anuncio do Banco Santander do comezo do período de consultas de sendos expedientes de despedimento colectivo, un organizativo e outro económico, que suporán, segundo fontes da propia dirección do banco, unha afectación, entre despedimentos, 1.600 aproximadamente, e recolocacións, 600, tamén de xeito aproximado, no conxunto Santander-Popular-Pastor, que está decisión empresarial só ten unha orixe, a tempo que fundamento: a cadea de decisións políticas e erros na supervisión que comezaron co deseño do rescate financeiro no Estado español e o proceso de centralización do propio sistema financeiro impulsado desde o Goberno Central, aglutinando nun feixe de entidades, entre elas o Banco Santander, o control económico-financeiro do Estado.

Neste sentido, as nacionalistas consideran que este proceso de centralización ten un claro impacto sobre o emprego a nivel galego, contrastado agora coa situación que se vai dar para coas traballadoras e cos traballadores do antigo Banco Pastor, e para os postos de traballo na nosa cidade, algo que xa advertían en xuño na moción que presentaron precisamente en Pleno para a defensa deses postos de traballo, aos poucos días de se coñecer a merca por tan so un euro do Banco Popular-Pastor.

“A aquela altura, a nosa moción xa prevía da previsíbel actuación do Banco Santander e das consecuencias que tería para A Coruña a merca por un euro do Banco Popular-Pastor. Lembramos, sen embargo, que os acordos foron desprovistos de contido e a nosa moción totalmente desvirtuada por unha emenda do PP apoiada polo PSOE, amosándose agora que o impacto que a merca vai ter para a cidade será desastroso e tráxico”, sinala a portavoz nacionalista Avia Veira.

Neste contexto, a formación nacionalista fai un chamamento a veciñanza da Coruña a participar das mobilizacións que a representación das traballadoras e traballadores convoquen, de aquí en adiante, en protesta pola execución destes expedientes e en defensa dos postos de traballo.

“O impacto na cidade do proceso anunciado polo Banco Santander alcanza á destrución de 500 postos de traballo directos do antigo Banco Pastor, entre a sede central do Cantón e o centro de Orillamar, que serán efectivos a partir de xaneiro. É indecente e inasumíbel, polo que chamamos á veciñanza a apoiar canta mobilización sexa convocada polas traballadoras e polos traballadores. A primeira, a semana que vén, o martes 14, ás 11.30 h diante da oficina central do Banco Pastor do Cantón Pequeno”, conclúe a portavoz municipal do BNG Avia Veira.

O BNG avanza o seu apoio ás mobilizacións anunciadas como protesta aos dous expedientes de despedimento colectivo formulados para o antigo Banco Popular-Pastor