Conversa aberta coa pensadora e profesora Silvia Federici

A Concellería de Igualdade inicia a Escola de Empoderamento Feminista

A edil Rocío Fraga presentou o acto, que se celebrará o 3 de abril e no que se coñecerán polo miúdo o resto de actividades da escola

A Concellería de Igualdade inicia a Escola de Empoderamento Feminista
cartaz conversa con Silvia Federici
cartaz conversa con Silvia Federici

Concello da Coruña | 19/03/2018

A concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, presentou esta mañá a Escola de Empoderamento Feminista, un programa municipal "con vocación de estabilidade" que nace para ofrecer un recurso de formación para a cidadanía e busca unha participación máis activa das mulleres, así como a creación de redes, a mellora da incidencia política para a igualdade e a inclusión das diversidades nos diferentes ámbitos da vida. "Trátase dunha iniciativa que entronca coa prevención das violencias machistas, en tódalas súas dimensións, e que está vinculada ao traballo de reforzo do empoderamento feminista, esa toma de conciencia persoal de sentirnos as mulleres obxectos de dereitos, de capacidades e de intereses propios", indicou Fraga.

 

O calendario de actividades previstas presentarase o vindeiro 3 de abril nun acto de apertura que consistirá nunha conversa aberta coa activista, pensadora feminista e profesora na Universidade de Hofstra de Nova York Silvia Federici que leva por título A nova caza de bruxas, coidados e comúns. Desafíos nas loitas feministas do século XXI e na que tamén participará a profesora do  Centro de Estudios de Xénero e Feministas da Universidade da Coruña, Antía Pérez Caramés, como condutora da conversa. A edil mostrou a súa satisfacción por poder contar neste primeiro acto "cunha das persoas máis importantes en pensamento crítico feminista" e que "traballou e traballa moito a importancia de poñer o foco nos traballos reproductivos e na necesidade de que a sociedade, e as feministas, se autoorganicen, como pasou aquí o 8 de marzo". O acto rematará coa poesía e a música de AldaoLado, o dúo conformado por Lucía Aldao e María Lado.

 

As actividades da Escola de Empoderamento Feminista previstas para o próximo trimestre tratarán temáticas como as identidades de xénero, subxectividades e diversidades, os dereitos humanos no enfoque das relacións e da convivencia, o empoderamento vital e empoderamento colectivo e os liderados transformacionais para unha vida libre de violencias. Fraga avazou o contido de algunha das actividades (gratuítas, participativas e en formatos de obradoiros) dirixidas a mulleres que afondarán nos autocoidados, o xénero e a discapacidade, fotografía, autodefensa, crecemento erótico ou cabaré empoderante. Tamén haberá actividades mixtas centradas na orientación sexual e un obradoiro dirixido a homes dende o que reflexionar sobre as novas masculinidades "para que tomen conciencia de como lles afecta de maneira negativa o patriarcado".  O resto das actividades, así como o a data e lugar de celebración serán presentadas o día 3, data a partir da cal se abrirá o prazo de inscrición online, por correo electrónico e presencial.

 

A xornada A nova caza de bruxas, coidados e comúns. Desafíos nas loitas feministas do século XXI terá lugar no Paraninfo da Universidade ás 19.00 horas. Será unha actividade accesible para persoas con mobilidade reducida e persoas xordas, na que ademais estará habilitado un espazo de conciliación no centro cívico de Cidade Vella, para o que é preciso reservar praza cun mínimo de 48 horas de antelación no teléfono 981 184 253.

 

A Concellería de Igualdade inicia a Escola de Empoderamento Feminista