Entre as avenidas de Arteixo e do Ferrocarril

O Concello inicia as obras de renovación do firme do último tramo da Rolda de Outeiro

O edil Xiao Varela salienta que, coa esta actuación entre as avenidas de Arteixo e do Ferrocarril, vaise a completar a repavimentación de máis de 2 quilómetros de vía

O Concello inicia as obras de renovación do firme do último tramo da Rolda de Outeiro
Xiao Varela
Xiao Varela

Concello da Coruña | 26/08/2018

O Concello inicia as obras no último tramo da Rolda de Outeiro no que está previsto a renovación do firme, entre as avenidas de Arteixo e do Ferrocarril. Esta actuación completa o proxecto municipal de repavimentación nunha das vías que concentra máis tráfico da cidade e na que se teñen realizado obras para a mellora da calzada dende a avenida de Fisterra ata a rúa Mercede, un treito que suma 2.130 metros de lonxitude. O concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela, destaca que esta iniciativa, na que o Goberno local ten investido preto de 830.000 euros en total, serve tamén para realizar melloras puntuais en beirarrúas, pasos peonís e paradas de autobús.

Varela indica que, neste tramo entre as avenidas de Arteixo e do Ferrocarril, existen deficiencias no firme que é preciso abordar para garantir a seguridade da circulación, así como a comodidade das persoas usuarias. A obra, que ten un orzamento de algo máis de 154.000 euros e un período máximo de execución de dous meses, consiste na rehabilitación da capa superior da calzada mediante o fresado do actual pavimento, sobre o que se estenderá unha nova capa de rodadura. Porén, a actuación será máis profunda naqueles treitos nos que se detectou unha maior degradación do firme co obxectivo de adecualo ao nivel de tráfico que soporta e igualar as condicións de toda a vía. Nestes puntos, fresarase todo o pavimento e se realizará a escavación precisa para asentar unha base do firme. É o caso, como detalla o edil, da intersección da Rolda de Outeiro coa rúa Francisco Catoira, na que se acometerá a demolición da calzada existente de formigón para proceder á reconstrución completa do firme.

As obras completaranse coa reparación doutros elementos da calzada, como os drenaxes perimetrais, a reposición da sinalización horizontal e vertical e a posta a punto das tapas de rexistros dos distintos servizos do subsolo.

Repavimentación na Rolda

Con anterioridade a esta actuación, o Concello acometeu obras análogas de renovación no treito que discorre entre as interseccións da avenida do Ferrocarril e a rúa da Mercede (por un montante de 386.613 euros que tamén inclúe a construción de 475 metros de carril bici, que se situarán entre a avenida Pérez Ardá e a rúa Mercede) e o espazo comprendido entre as avenidas de Fisterra e Arteixo (neste caso por un orzamento de execución de 240.000 euros). Neste último treito tamén se sumaron actuacións por valor de 40.000 euros centradas na mellora da accesibilidade nos pasos de peóns.

Por outro lado, lembra Varela, entre as actuacións complementarias ao proceso de repavimentación entre a avenida do Ferrocarril e a Mercede tamén se acometeu unha mellora de seguridade e accesibilidade no cruce de peóns ao final da rúa José González Chas, que recolle os tránsitos cara a recentemente renovada rúa Montiño e a rúa Mercede. Esta intervención supuxo un investimento de  de 9.000 euros.

O Concello inicia as obras de renovación do firme do último tramo da Rolda de Outeiro