#CuacResiste

CUAC espera a resposta da Xunta en xaneiro

A Secretaría Xeral de Medios di que non hai prazos e que neste momento do proceso, o da instrución do expediente administrativo, “non procede” que a Administración fale cos afectados.

CUAC espera a resposta da Xunta en xaneiro
Isabel Lema, este martes na Coruña
Isabel Lema, este martes na Coruña

CUAC resiste. A faixa tamén resistiu ao temporal de finais de ano. Ás portas do edificio da Universidade que acolle os estudos da emisora, a radio comunitaria da Coruña, reprimida a seu espazo na Internet, a faixa segue combatendo a ameaza. Neste mes a Secretaria Xeral de Medios da Xunta de Galicia, o departamento de comunicación que é unha peza clave na política de Núñez Feijóo, dirixido por Mar Sánchez, a man dereita do presidente, debe publicar unha resolución respecto dun expediente aberto no outono a CUAC por emitir sen licencia na FM. Desde a radio comunitaria, Isa Lema, unha das portavoces, profesora na UDC e locutora en dous programas da variada grella de CUAC, di que esperan que a Secretaría Xeral de Medios arquive o expediente e poidan regresar ás ondas. Xaneiro é o mes marcado no calendario de CUAC.

“Esas son as nosas expectativas. Fontes próximas á instrución do expediente dixéronnos que a cousa non debía demorarse máis alá deste mes. Que o normal é que se resolva e que esperan que esa resolución sexa favorábel para os intereses de CUAC”, conta Lema.

A Mar Sánchez, a secretaria xeral de medios, ocupada na comunicación gubernamental, dirixindo o equipo de publicidade do personalista goberno Feijóo, unha responsabilidade enorme, o asunto de CUAC caeulle de rebote.

Na Secretaría Xeral din que o proceso “está en fase de instrución”, que “non se coñecen prazos” e que neste momento “entre a fase de instrución e a resolución, non procede unha reunión cos representantes de CUAC”.

Na lea de CUAC (e doutras emisoras sen licencia para emitir a causa dun baleiro legal que as propias emisoras levan anos, xa décadas, denunciando e pedindo que se corrixa) a Secretaría Xeral de Medios non se tería metido. Non ten moito que gañar: as audiencias son moi baixas, e no caso de CUAC circunscríbense á cidade da Coruña, e a súa influencia é reducida… Mais a publicidade que o asunto deu a CUAC tivo resultados. Non na FM, onde se baixou o interruptor hai algo máis de cen días; pero si, e moi bos, na web. “Paréceme que a audiencia duplicouse nestes meses… non teño os datos comigo”, explica Isa Lema este martes, a tarde na que se emiten os dous programas dos que fai parte: Alegría (actualidade política) e Spoiler (sobre series de televisión). “Temos moitas máis descargas de podcast que antes do conflito. A aplicación para o móbil, tamén. Temos moito apoio, porque o manifesto que presentamos no Campo da Leña en novembro leva recollidas xa unhas dúas mil seiscentas sinaturas. E tamén xornalistas, a título individual, non as empresas… xente que nin podíamos imaxinar deunos seu apoio. E as radios libres de todo o país e mesmo doutras partes do Estado. Até nos chegou do presidente das radios locais de Andalucía…” A Deputación da Coruña, o pleno do Concello da Coruña e doutros, sumáronse a denuncia e reivindicación de CUAC.

Este martes, no primeiro programa do ano, despois da canción de Los Enemigos que dá título e fai a sintonía de Alegría, un espazo aberto desde o 2003, Tomi Desastre, un dos presentadores, un dos veteranos de CUAC, saúda lembrando o dial: 103.4. “A nosa intención é volver á FM. Non renunciaremos a iso”, di Isa Lema. Cando en setembro a asemblea de CUAC decidiu baixar o interruptor da frecuencia modulada fixeron fincapé en tres cuestións: non ían agravar a situación teimando nas emisións, querían evitar problemas persoais á dirección de CUAC e tratarían de gañar desta volta a batalla pola regularización das emisións libres e comunitarias. “Queremos ter o noso propio espazo nun espazo, o das ondas de radio, que é libre e ten que seguir séndoo”, insiste a portavoz.

En 1996 CUAC solicitou a licencia para emitir en FM, pero a licencia demorouse. Despois o Estado dixo que había que desenvolver o regulamento da lei de 2010, demorouse inda máis e algunhas comunidades autónomas fixeron os seus propios regulamentos, outras (o caso de Galiza) deixaron a cousa no limbo… A mediados do ano paso, o Ministerio de Industria instou á Xunta a que abrira expediente a emisoras sen licencia. Non llas deran, pero pedíanllas. A ameaza que pesa sobre CUAC vai dos cen mil aos douscentos mil euros, a criterio da instrución. Unha multa por delito administrativo. “Esperemos que pare niso, nunha ameaza. Pero se nos multan, seguiremos adiante. Se é preciso, iremos aos tribunais. O razoable sería que se arquivara o expediente e que se nos concedera unha autorización por parte da Xunta para emitir en FM”, pide Lema.

Tamén pediron unha reunión con Mar Sánchez. Desde a Secretaría Xeral contestáronlles que tomaban nota e que buscarían “un oco na axenda”. Non será este mes. Nin antes da resolución. CUAC espera resposta. E, advirte Lema, non se conformarán coa de sempre, “que todo esta pendente do desenvolvemento do regulamento estatal”. “Cando empezamos a emitir”, lembra, “fixémolo malia non ter a licencia porque consideramos que un dereito fundamental como é o dereito á liberdade de expresión non podía estar supeditado a que unha instancia administrativa desenvolvera unha normativa de rango inferior”. Mesmo a TVG, daquela baixo un dos gobernos de Fraga, realizara unha reportaxe na apertura de CUAC. Os tempos cambiaron. Tamén a perspectiva de CUAC. “Unha cousa é que ti arranques as emisións porque sabes que non che van pechar e que nalgún momento algún goberno fará o regulamento; pero a estas alturas xa está ben…despois de sete anos esperando chegou o momento de que a Administración cumpra a lei que ela mesma se deu”.

O expediente di que a Xunta debe resolver en seis meses. Pasaron cen días desde que CUAC parou de emitir en FM e máis de catro meses desde que recibiron a notificación. De non ter resposta, o silencio administrativo permitiríalles volver á FM. Mentres, seguen subliñando o dial en cada presentación de cada programa, coma sempre, coma na normalidade que viviron tantos anos cando eran, de verdade, inda que sen regulamento, unha radio libre.

CUAC espera a resposta da Xunta en xaneiro