Nota de prensa | Marea Atlántica

A Marea Atlántica rexeita a desproporcionada actuación xudicial nas detencións de activistas na cidade da Coruña

Opoñémonos á cualificación dos feitos como un delito de sedición e censuramos a decisión de enviar a prisión preventiva a un dos mozos encausados

Ante o procedemento xudicial é necesario lembrar o lexítimo dereito das persoas de reunión, manifestación e expresión, así como a necesidade de non criminalizar a disidencia política


 

A Marea Atlántica rexeita a desproporcionada actuación xudicial nas detencións de activistas na cidade da Coruña
AInsumisa
Concentración nos xulgados en apoio ás persoas detidas

Desde a Marea Atlántica cualificamos de totalmente desproporcionado o feito que vimos de coñecer: a consideración como delito de sedición da actuación de polo menos unha das persoas detidas este luns en relación cos feitos acontecidos o pasado 23 de maio na antiga Comandancia de Obras. Asimesmo, entendemos igualmente desproporcionado que esta persoa sexa mantida en prisión preventiva, como mínimo, ata o vindeiro luns. Condenamos este tipo de interpretacións da lei, mal entendidas como “exemplarizantes”, que só revelan un uso represivo da lei penal, que debe aplicarse sempre de maneira proporcionada.

Reafirmámonos na nosa posición de defender toda forma de protesta e manifestación que non implique violencia. Do mesmo xeito, lembramos o lexítimo dereito das persoas á reunión, manifestación e expresión, así como incidimos na necesidade de que ningún estamento da sociedade actual, criminalice a disidencia política. As palabras e as ideas nunca deberían ser silenciadas nin criminalizadas. Cremos firmemente que o Código Penal non pode usarse como arma de persecución política, en ningunha das súas formas. Denunciamos ademáis a recuperación dun delito de orixe predemocrática, como é a sedición.

Confirmamos tamén que nin as detencións nin o procedemento xudicial en curso parte nin do Concello da Coruña nin da Marea Atlántica, que non presentaron denuncia ningunha relacionada cos feitos acaecidos o 23 de maio.

A situación desmedida coa que nos atopamos xorde dunha actuación de oficio, e responde á petición formulada pola Fiscalía, nunha interpretación autoritaria e represiva da legalidade, que só podemos condenar.


 

A Marea Atlántica rexeita a desproporcionada actuación xudicial nas detencións de activistas na cidade da Coruña