Permite traballar de forma coordinada con concellos de todo o Estado e optar a axudas para favorecer mellores condicións de vida entre a veciñanza

O Pleno dá luz verde á adhesión da Coruña á Rede de Cidades Saudables

Durante a aprobación definitiva da Conta Xeral de 2016, a concelleira de Facenda destacou que a débeda viva do Concello con entidades financeiras “acadou o pasado ano a porcentaxe máis baixa dos últimos dez anos, e se minorou en 7,6 millóns de euros”

O Pleno dá luz verde á adhesión da Coruña á Rede de Cidades Saudables
Pleno 6-11-2017
Pleno 6-11-2017

O Pleno aprobou este luns, a proposta do goberno municipal, a adhesión da Coruña á Rede Española de Cidades Saudables (RECS), así como á denominada Estratexia de Promoción da Saúde e Prevención. Cos votos a favor de todas as formacións con representación municipal, a Cámara deu luz verde á integración da cidade nestes entes, "algo que entronca con todo o traballo que está a desenvolver o Concello por facer desta unha Cidade de Coidados, cun entorno que fomente condicións de vida saudables e activas". Así o destacou a concelleira de Xustiza Social e Coidados, Silvia Cameán, que salientou que a inclusión da Coruña nesta entidade, que traballa tanto coa Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) como co propio Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, "non só garante a posibilidade de desenvolver traballo en rede con moitas outras cidades do Estado, senón que tamén permitirá ao Concello participar nas convocatorias de subvencións que se realizan periodicamente e que esixen formar parte da Rede e da Estratexia de Promoción da Saúde e Prevención".

As entidades locais incluídas na Rede de Cidades Saudables teñen que cumprir unha serie de requisitos, como é a elaboración dunha análise da situación e un plan de saúde para a cidade. "Na realidade, A Coruña, por si mesma, xa está a traballar en moitos dos aspectos que abrangue esta rede supramunicipal, por iso cremos que a nosa inclusión será moi positiva", salientou Cameán, que comentou que, na actualidade, 149 cidades forman parte da rede de Cidades Saudables. Entre outros ámbitos, este foro traballa na mellora dos hábitos alimentarios da poboación en xeral, polo fomento da práctica de actividades físicas e deportivas, na prevención da obesidade, a redución do consumo de substancias adictivas, a prevención de todo tipo de enfermidades e o fomento da saúde e o envellecemento activo. A titular de Xustiza Social insistiu na necesidade de que as administracións locais, as máis próximas á cidadanía, "avancen nas tarefas de prevención e promoción da saúde". "Non obstante, tamén resulta imprescindible reivindicar o carácter público dos servizos sanitarios e denunciar os recortes que vimos sufrindo", apuntou.

Pola súa banda, e segundo a decisión do Pleno, A Coruña tamén se adherirá á denominada Estratexia de Promoción da Saúde e Prevención, unha sorte de folla de ruta dende a que os municipios tratan, dende as súas competencias, de fomentar a prevención e a correcta atención de enfermidades crónicas. A implementación local da estratexia de promoción de saúde supón a posta en marcha dunha serie de accións como son a constitución dunha mesa intersectorial que englobe aos sectores da saúde, educación, benestar social, transporte, urbanismo, deportes e medio ambiente, así como a identificación dos recursos comunitarios cos que conta o municipio e que contribúen á saúde e o benestar da cidadanía.

Do mesmo xeito, o Pleno aprobou tamén (cos votos a favor de todas as formacións) a adhesión do Concello da Coruña á Fundación Fremss (Fundación Rendemento Económico Mínimo Sostible e Social), organización sen ánimo de lucro que naceu na Coruña no ano 2013 co compromiso "de defender os valores e a viabilidade do sector pesqueiro galego".

Conta Xeral 2016

Por outro lado, o Pleno tamén aprobou, de forma definitiva, a Conta Xeral correspondente ao exercicio 2016, logo de ser ditaminada favorablemente pola Comisión Especial de Contas e de que non se recibise ningunha alegación durante os períodos habilitados para este trámite. Aprobada coa única oposición do Partido Popular, a conta xeral correspondente ao pasado exercicio indica que o Concello da Coruña pechou 2016 cun remanente líquido de tesourería para gastos xerais positivo cun importe de 17,1 millóns de euros, logo de que se detectase e corrixise un erro na contabilización de dereitos recoñecidos no concepto correspondente ao imposto de vehículos de tracción mecánica (IVTM).

A concelleira de Facenda, Eugenia Vieito, observou que o incremento da magnitude asociada ao remanente líquido de tesourería con respecto a 2015 "vén dado, principalmente, pola minoración da cantidade de dereitos que deben ser considerados como de dubidoso cobro, que en 2015 superaban os 50 millóns de euros". "Esta ratio mellorou considerablemente o pasado ano debido á implantación dunha nova ferramenta informática, así como ao esforzo realizado polo servizo municipal de recadación", comentou a responsable municipal, que tamén destacou que o aforro neto positivo ascende a 30,7 millóns, "algo que implica un aumento considerable da capacidade de autofinanciamento do Concello". "Non só cumprimos co teito de gasto, senón que, como destaca o informe de estabilidade orzamentaria, as ratios rexistradas amosan en todos os casos datos positivos mellorando significativamente os de 2015. O aumento do remanente pon de manifesto unha mellora substancial da solvencia financeira do concello a curto prazo", comentou a edil, que subliñou que "este indicador de solvencia, que subiu lixeiramente en 2015, aumentou considerablemente en máis do dobre en 2016, rompendo así a tendencia de exercicios anteriores, con permanentes baixadas desta magnitude, advertidas pola Intervención municipal como un risco".

No debate deste asunto, Vieito tamén fixo fincapé en que a débeda viva do Concello con entidades financeiras, a 31 de decembro do ano pasado, descendeu a 71,2 millóns de euros, acadando a porcentaxe máis baixa dos últimos 10 anos, de maneira que se minora en máis de 7,6 millóns con respecto a datos de decembro de 2015, cando a débeda viva con entidades era de 78,8 millóns de euros.

"O goberno local adoptou dúas medidas que foron fundamentais á hora de conseguir a redución do endebedamento do Concello. En primeiro lugar, levou a cabo un refinanciamento da débeda bancaria viva anterior ao exercicio 2012, conseguindo mellores condicións financeiras para o pagamento da mesma e minorando o pago de intereses, feito ao que hai que sumar, este ano, a amortización do préstamo vinculado á cancelación do Plan de Axuste aprobado polo PP, por importe de 7,6 millóns de euros", apuntou a titular de Facenda, que recordou que a saída do Plan de Axuste posibilitouse, en boa medida, debido "ao superávit orzamentario acadado polo Concello en 2016". "Por outro lado, o fomos capaces de minorar a cantidade de investimentos a financiar con créditos bancarios, que xa no exercicio 2016 pasou a ser de 9,3 millóns, fronte aos máis de 12 dos exercicios anteriores", explicou.

A concelleira tamén evidenciou que a Conta Xeral de 2016 reflicte unha mellora en todos os indicadores financeiros, patrimoniais e orzamentarios que teñen que ver con cobros, pagos e liquidez. "A porcentaxe de realización de pagos acadou o 97% en 2016, fronte ao 93% de 2014, por exemplo, o que se acompañou dunha mellora no período medio de pago anual da débeda comercial, que baixou de 42 a 38 días durante 2016. Tamén medrou a porcentaxe de realización dos cobros, que chegou ao 90% en 2016, fronte ao 87% de 2014", apuntou.

Execución orzamentaria e PMP

Por outro lado, e no medio do debate plenario, a concelleira Vieito comentou que, a pesar de que os orzamentos en vigor foron aprobados no mes de maio, "o Concello ten unha execución global a data de hoxe do 62,08% (contable), a máis alta con respecto dos anos de mandato do anterior executivo municipal por estas datas, e dun 58,01% sobre créditos totais a nivel contable".

Con respecto a outras magnitudes como é o caso do Período Medio de Pago a Provedores (PMP), a titular de Facenda comentou que, no que vai de ano, "a media actual, tras dez meses, é de 25,99 días, o que mellora incluso as datas do pasado ano". Así, explicou que o aumento no período de días de pago nos últimos meses veu motivado "pola tardía aprobación do recoñecemento extraxudicial de facturas". "Ese feito lastrou nos últimos meses o PMP debido á súa fórmula de cálculo, se ben en ningún caso tivo que ver nin co calendario fiscal, nin moito menos coa liquidez, que mellorou de forma considerable", fixo notar. Ao fío, a edil anunciou que "o Concello cumprirá cos parámetros de PMP no mes de outubro, onde o período de pago estará por baixo dos 30 días".

O Pleno dá luz verde á adhesión da Coruña á Rede de Cidades Saudables