As cousas clariñas

Veño de ler nos xornais os resultados das votacións dos Orzamentos Participativos do Concello da Coruña. Segundo o que recolle a información a proposta máis votada no distrito 9 foi “Un parque verde para O Ventorrillo-Agra do Orzán”.

Diante disto véxome na necesidade de dicir publicamente unas cantas cousas para írmonos aclarando. Xa sei que as eleccións non quedan lonxe e disfrazar a realidade é un xogo tentador cando un non cumpriu co que no seu día prometeu. Imos ver:

  1. Xa hai días que ando a ver polas nosas rúas uns cartaces chamando a votar polo Parque verde Salvador de Madariaga. É curioso observar como é a única proposta para a que se pide o voto. Mellor dito, eu non teño visto outra. Aparecen como promotores de tal cartaz dous colectivos: Viraventos e Veciños/as do Ventorrillo-Agra do Orzán.
  2. Cando hai uns meses desde a Asociación Veciñal “AGRA” andivemos a pedir sinaturas para que se fixera o Parque da Agra (parque do Observatorio) ningún destes colectivos apareceu para botar unha man. Por que agora? Os veciños e veciñas da Agra do Orzán xa votamos nese momento e o Concello ten no seu poder 1.300 sinaturas, directas e democráticamente recollidas pola rúa e en locais comerciais. Esta é a votación que nos serve aos veciños e veciñas da Agra e o Concello saberá o que ten que facer.
  3. Quero pensar que andamos a xogar limpo e que non se trata de quedar ben coa remodelación da Praza Salvador de Madariaga – petición de 155 veciños/as – para xustificar o abandono do Parque da Agra. Este Parque non é negociable por máis votacións que se poidan facer por Internet, e terá que se facer, si ou si. Calquera goberno municipal que non o afronte terá o noso rexeitamento e a nosa crítica permanente.
  4. A respecto da Praza Salvador de Madariaga, vai o meu apoio total á súa remodelación, mais tamén a que se utilice. Desde que se fixo nunca os veciños e veciñas fixemos uso dela. Manifesto aquí o meu apoio porque non participei na votación (pódese contar, xa que logo, un voto máis). Non acredito nun sistema de votación no que unha persoa pode reunir 50 DNI e emitir outros tantos votos.
  5. Xa sei que o “moderno” é individualizar, cada quen co seu computador é o rei. Eu non quero ser tan “moderno” e estou por socializar, por colectivizar, polos votos directos, un a un, cara a cara. E así son os 1.300 que presentamos no seu día no Concello para que se fixera o Parque da Agra, ese que, segundo os orzamentos participativos, agora xa non quera case ninguén. Cal das dúas consultas entendedes máis fiable e democratica?
  6. Amig@s de Viraventos e Agrupación de Veciñas/veciños do Ventorrillo- Agra do Orzán, imaxino que os veciños e veciñas do Ventorrillo hanvos estar agradecidos polo voso esforzo, os da Agra do Orzán, non. E como teño unha idea de por onde pode chover desde o Concello, parabéns, pois coido que ha ser no “voso parque verde”. Por último, viren os ventos como viren, móvanse como se movan “certos veciños/as”, o Parque da Agra ou Parque do Observatorio é unha obra irrenunciable e urxente, unha débeda histórica do Concello con este barrio, que non pode estar ao criterio duns cantos votantes a través dunha consulta que carece dos máis elementais controis democráticos.

As cousas clariñas que xa está ben de comedias!

Ricardo Seixo Fernández
Presidente da Asociación Veciñal “AGRA” da Agra do Orzán