Emprego

85 familias dependen da continuidade da factoría Isowat

Avia Veira: “Desde o BNG cremos firmemente que hai defender o futuro do sector industrial na nosa cidade en conxunto: hoxe ademais dos 400 empregos en xogo na planta de Alcoa, hai 85 familias que dependen da continuidade da factoría Isowat”

85 familias dependen da continuidade da factoría Isowat
20181116_reunión_isowat
Reunión BNG - Comité de empresa Isowat

A Coruña, 17 de novembro de 2018. O tándem que encabeza a candidatura do BNG para as eleccións municipais do vindeiro ano, formado por Francisco Jorquera e Avia Veira, que onte se xuntou co Comité de Empresa de Isowat e que vén de participar na concentración convocada polas traballadoras e polos traballadores de Alcoa da Coruña, entende que é imprescindíbel defender o futuro do sector industrial da nosa cidade en conxunto porque hoxe en día ademais de perigaren os 400 empregos da planta de Alcoa, hai 85 familias que dependen da continuidade da factoría Isowat.

A empresa está en concurso de acreedores porque o que se produciu desde que a actual propietaria adquirise Isolux Galicia foi un “saqueo sistemático”, tal e como sinala o informe concursal. Falamos dunha planta altamente rendíbel, que recibiu cartos públicos en axudas, con carga de traballo para os vindeiros anos, pioneira tanto pola formación e experiencia do seu cadro de persoal como pola súas patentes grazas ás cales os seus produtos son solicitados internacionalmente”, sinala a voceira nacionalista Avia Veira.

Pola súa banda, o candidato á Alcaldía da Coruña insistiu na xuntanza na necesidade de contarmos na cidade e no país cun sector industrial forte e que as Administracións públicas, cos seus gobernos á fronte a comezar polo municipal, temos que ofrecer solucións para evitar a desertización industrial do noso país e particularmente da nosa cidade. “É insostíbel unha economía exclusivamente de servizos, detrás ten que haber necesariamente un sector industrial, que ademais é o que habitualmente ofrece empregos de calidade”, manifestou Francisco Jorquera.

As nacionalistas defenden que o sector enerxético que ten inzado o país instalacións para o aproveitamento dos nosos recursos nesta materia ten que supór un retorno para o noso país e que un exemplo máis é esta fábrica que ten carga de traballo abonda no sector das enerxías, nomeadamente as renovábeis.

Por último, desde o Grupo Municipal do BNG sinalan que na vindeira semana rexistrarán unha moción para que a Corporación faga fronte común en defensa dos 85 empregados e empregadas que hoxe en día levan seis meses sen cobrar pola situación económica de Isowat e que nela pedirán que se pendure unha pancarta na fachada do Concello que rece “Polo mantemento do emprego industrial: Alcoa e Isowat”.

85 familias dependen da continuidade da factoría Isowat