EIXO ATLÁNTICO

O alcalde presenta o traballo da Coruña ante a asemblea do Eixo Atlántico

A entidade supramunicipal presentou hoxe en asemblea no Barco de Valdeorras o Plan de Acción da súa axenda urbana, a primeira transfronteiriza de Europa, nun acto no que o rexedor salientou o traballo que, en paralelo, se realiza dende A Coruña, “que estableceu pioneiras colaboracións co goberno do Estado e ONU Habitat”

O alcalde presenta o traballo da Coruña ante a asemblea do Eixo Atlántico
Asemblea do Eixo Atlántico no Barco de Valdeorras
Asemblea do Eixo Atlántico no Barco de Valdeorras

A Coruña, 19 de febreiro de 2019.- O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, participou hoxe na asemblea xeral do Eixo Atlántico que tivo lugar no Barco de Valdeorras e na que expuxo o traballo que está a desenvolver o Goberno local da cidade para a confección dunha axenda urbana propia, un proceso no que A Coruña “vai á cabeza” do Estado, tal e como salientou o secretario xeral do ente, Xoán Vázquez Mao. No marco da creación da primeira axenda urbana transfronteiriza, que foi presentada en Bruxelas, o ente aborda agora a execución do Plan de Acción, un proceso que iniciou en marzo do pasado ano e que lle permitirá acadar os obxectivos marcados na axenda e que foi presentado no encontro.

Como salientou Ferreiro na súa exposición, as axendas urbanas son documentos estratéxicos para a organización das políticas das cidades pero tamén un documento que será necesario para poder optar a fondos da Unión Europea. Así, lembrou que A Coruña, despois da experiencia realizada na elaboración da axenda do Eixo Atlántico “estase a converter nunha referencia neste proceso, co que poderá ser exemplo para outras cidades”. Así, aludiu ao traballo que neste momento desenvolve o Concello encamiñado a ter a súa propia axenda urbana, “un obxectivo para o que estableceu unha dupla alianza dende o municipio, tanto co goberno de España, co que asinamos un protocolo para ser proxecto piloto no Estado, e a ONU, a través da súa oficina Hábitat”. “Isto permitiranos desenvolver as ferramentas necesarias para adaptar á realidade da Coruña e aterrar en políticas concretas os obxectivos de desenvolvemento sostible”, dixo.

O Concello realiza neste primeiro semestre do ano o traballo técnico de diagnose e a elaboración dos indicadores que permitirán avaliar o proxecto baixo criterios medibles, un labor previo que desembocará na creación do Plan de Acción durante a segunda parte do ano e a plasmación dos mesmos en políticas concretas que se verán reflectidas nos orzamentos de 2020. Neste sentido, o secretario xeral do organismo supramunicipal, Xoán Vázquez Mao, apuntou que A Coruña “vai en cabeza do proceso de elaboración da axenda, que se apoia na do Eixo Atlántico, un documento que é un estudo estratéxico do máximo nivel para as cidades”. O encontro serviu precisamente para presentar o Plan de Acción do Eixo Atlántico, que foi introducido polo profesor da Universidade de Vigo e un dos coordinadores científicos do mesmo, Luís Domínguez e que fixa 17 obxectivos para a eurorrexión en liña cos ODS e catro prioridades. Estas baséanse na construción da cidade do futuro, desenvolver a economía e promover o emprego, impulsar a cohesión territorial e responder ao reto demográfico e afirmar o espazo eurorrexional.

A asemblea xeral do Eixo Atlántico, ante a que tamén interveu o seu presidente e alcalde do Barco de Valdeorras, Alfredo García, realizou, así mesmo, o balance económico e de xestión do pasado ano, ao tempo que abordou as diferentes liñas nas que se traballará neste. Sobre o labor realizado, García repasou a confección da propia axenda urbana e a redacción dun documento que recolle as necesidades de infraestruturas de mobilidade na zona que foi entregado aos gobernos de Portugal e España. Neste sentido, fíxose fincapé na liña ferroviaria que une Ferrol e Lisboa e o corredor atlántico.

O encontro rematou coa entrega das medallas de ouro da entidade á actual presidenta de Adif, Isabel Pardo de Vera, e ao expresidente da Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional do Norte de Portugal e exministro portugués José Albino Silva Peneda. A medalla, cuxa concesión foi aprobada por aclamación, recoñece a contribución á construción e ao desenvolvemento da eurorrexión.

Comentarios
O alcalde presenta o traballo da Coruña ante a asemblea do Eixo Atlántico