Concurso de ideas terreos portuarios

O alcalde saúda a incorporación das tres principais centrais sindicais da cidade ao concurso de ideas impulsado para definir o futuro dos terreos portuarios

Xulio Ferreiro, que hoxe mantivo unha reunión con representantes de CCOO, UXT e CIG --que formarán parte do comité asesor do xurado institucional do concurso--, salienta a vocación do goberno local de lograr, por medio da participación, elaborar “unha proposta de cidade” para o bordo litoral

O alcalde saúda a incorporación das tres principais centrais sindicais da cidade ao concurso de ideas impulsado para definir o futuro dos terreos portuarios
26-09-18 2
26-09-18 2

As tres principais centrais sindicais na cidade, CCOO, UXT e CIG, participarán no xurado do Concurso de Ideas promovido polo goberno local co obxectivo de axudar a definir, de xeito colectivo, os futuros usos dos terreos portuarios. Así o manifestou o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, quen hoxe mantivo unha reunión cos representantes provinciais dos tres sindicatos, Cristóbal González, Xosé Carrillo e Xabier Filgueira, na que tamén estivo presente o concelleiro de Rexeneración Urbana, Xiao Varela. “O importante neste proceso é que participe a cidadanía, crear un proxecto de cidade, e así se está a facer en distintos ámbitos”, comentou ante os medios o rexedor, quen saudou e agradeceu a incorporación ao concurso dos sindicatos e doutras institucións e entidades do ámbito veciñal, empresarial e universitario.

O goberno local presentou este verán o concurso de ideas para os terreos portuarios. O mesmo ten como base as conclusións do Foro Tecendo Cidadá celebrado esta primavera, está aberto á participación de calquera persoa ou colectivo que cumpra cos requisitos esixidos nas bases e que presente a súa proposta de transformación e aproveitamento dos terreos do bordo litoral. Un xurado institucional será o encargado de valorar e premiar as cinco propostas que considere mellores, atendendo os criterios de valoración definidos xa nas propias bases do concurso e que aseguran a integración urbana entre porto e cidade, a mobilidade e accesibilidade, a sustentabilidade, o modelo económico innovador e a participación cidadá.

O xurado institucional do concurso estará conformado esencialmente, segundo explicou o alcalde, por representantes das administracións implicadas no futuro do bordo litoral. “Pero tamén nos parecía importante acompañalo de máis expertos e expertas doutros ámbitos e, en primeiro lugar, da sociedade civil organizada. Por iso conformamos tamén un comité asesor, no que están chamados a participar tanto os sindicatos, como representantes do mundo económico, académico e veciñal da cidade, entre outros”, sinalou Ferreiro, quen agradeceu a implicación e dispoñibilidade dos sindicatos neste proceso.

“O futuro do bordo litoral non se pode definir senón é de forma conxunta. Ademais da representación existente no xurado deste concurso, queremos implicar de xeito directo a todo o conxunto da cidadanía, que poderá valorar os proxectos e opinar sobre eles”, recordou o primeiro edil, quen indicou que “todos estes elementos nos permitirán avanzar na elaboración dunha proposta que implique ao conxunto da cidade” na definición do futuro da fachada atlántica.

“Esta é a primeira xuntanza oficial que tivemos, aínda que xa mantivemos encontros bilaterais con outros axentes como a Universidade e entidades veciñais e empresariais, co que creo que estamos a conseguir o que se pretende, que toda a cidade se involucre e poidamos presentar un proxecto de transformación portuaria que sexa o de toda a veciñanza, non o do goberno municipal nin o de ningunha outra administración. Un proxecto de cidade”, reflexionou.

O alcalde saúda a incorporación das tres principais centrais sindicais da cidade ao concurso de ideas impulsado para definir o futuro dos terreos portuarios