BNG | nota de prensa

Avaliación do BNG da reunión da Comisión Inter-administrativa sobre o Porto

A falta de coñecer máis polo miúdo os pormenores da reunión da Comisión Inter-Administrativa sobre o porto habida esta mañá en María Pita, o grupo municipal do BNG fai a seguinte avaliación:

Avaliación do BNG da reunión da Comisión Inter-administrativa sobre o Porto
Fran Rei e Francisco Jorquera, na concentración de Defensa do Común
Fran Rei e Francisco Jorquera, na concentración de Defensa do Común

A Coruña, a 5 de maio de 2021. 

1.-Consideramos positivo que por fin a alcaldesa rache o seu silencio e se pronuncie contra a proposta da Xunta de se facer co control dos terreos de Batería e Calvo Sotelo. Celebramos que o Goberno Local asuma unha posición que o BNG fixou desde o momento en que Feixoo lanzou a súa proposta.

Batería e Calvo Sotelo son terreos gañados ao mar e que pertencían orixinariamente á cidade. O lóxico é que, unha vez liberados dos seus usos portuarios, volvan á cidade e volvan gratuitamente. Non ten xeito ningún que paguemos por aquilo que en xustiza xa é noso.

Por tanto, o titular dos terreos ten que ser o Concello da Coruña. Parécenos moi ben que distintas administracións colaboren para a reordenación deste espazo urbano, mais a Xunta non pode pretender ser propietaria dun enclave dentro do concello da Coruña.

2.-Lamentamos que a alcaldesa non demandase a condonación da débeda que pesa sobre o porto ou a articulación dunha solución análoga (que o Estado financie con 200 millóns de euros, o monto do débito, a transformación dos peiraos).

Vir a defender agora que se está pola construción de vivenda pública en San Diego, como fixo hoxe Inés Rey, é tanto como cambiar o foco e desviar a atención sobre o fundamental: o que está en discusión nestes momentos é a proposta do Goberno Central, apoiada por Feixoo, de que se vendan activos do porto para amortizar a débeda con Portos do Estado. Pór sobre a mesa calquera idea que vaia nesa liña é tanto como lle fornecer un pretexto ao Estado para que non condone a débeda ou acepte unha solución equivalente.

Naturalmente, o BNG é firme partidario da construción de vivenda pública na cidade, mais non de que esta sexa utilizada como coartada para acabar asumindo a non condonación da débeda portuaria.

Hai outras formas de promover a construción de moradas públicas: demandar da Xunta, a administración competente, que haxa unha promoción de vivenda pública na cidade merecente de tal nome; urxir o Estado que ceda as vivendas da Sareb ao Concello para engrosar o parque municipal público e dar impulso desde o Goberno Local a un ambicioso programa de bolsa de moradas en réxime de aluguer, tal e como se comprometeu no acordo de investidura subscrito co BNG.

Comentarios
Avaliación do BNG da reunión da Comisión Inter-administrativa sobre o Porto