Nota de prensa | BNG

O BNG entende que o Executivo da Marea Atlántica perdeu a ultima oportunidade para elaborar un documento que puidera ser aprobado por unha ampla maioría no Pleno

Avia Veira: “Outro ano máis no BNG coñecemos os investimentos dos orzamentos municipais a través dos medios de comunicación; cremos lamentábel que o Goberno municipal chegue ao último ano de mandato sen tentar, canto menos, acadar o máximo de apoios para, xa que non presentou os orzamentos a tempo, canto menos, pechar cunha ampla maioría as últimas contas deste mandato”

Para o Bloque a actual prórroga inxustificada dos orzamentos de 2018 é síntoma inequívoco da falta de xestión da Marea Atlántica e cre que a proposta que finalmente se tramite volverá a incidir nas mesmas eivas dos anos anteriores onde non se incluíron os investimentos necesarios para os barrios e as rúas da cidade, para as instalacións municipais, para os Mercados Municipais, para os CEIP etc

O BNG lamenta, segundo o aparecido nas informacións periodísticas que avanzan estes investimentos, que neste mandato, o único grande investimento realizado sexa a reforma das cubertas de Riazor

O BNG entende que o Executivo da Marea Atlántica perdeu a ultima oportunidade para elaborar un documento que puidera ser aprobado por unha ampla maioría no Pleno
Avia Veira
Avia Veira

A Coruña, 3 de xaneiro de 2019. O BNG vén de valorar esta maña o avance, a través dos medios de comunicación, do anteproxecto dos orzamentos municipais nos que está a traballar o Goberno municipal.

Neste sentido, a formación nacionalista, despois de que a mediados do mes pasado fixera público que, á aquela altura, o propio Goberno municipal recoñecía que o expediente administrativo do Orzamento Xeral do Concello para 2019 atopábase na fase de elaboración e que non existía documentación con carácter definitivo que puideran trasladar, considera inadmisíbel que sexa a través dos medios informativos a canle pola que obtén as primeiras achegas a respecto das contas que se pretenden aprobar.

“Outro ano máis no BNG coñecemos os investimentos dos orzamentos municipais a través dos medios de comunicación; cremos lamentábel que o Goberno municipal chegue ao último ano de mandato sen tentar, canto menos, acadar o máximo de apoios para, xa que non presentou os orzamentos a tempo, canto menos, pechar cunha ampla maioría as últimas contas deste mandato”, denuncia a portavoz nacionalista Avia Veira.

Neste sentido, as nacionalistas advirten que a principal actuación que presuntamente se recolle para as contas deste ano é o acondicionamento do cruzamento entre a avenida de Fisterra e a rolda de Nelle, proposta realizada polo propio BNG para os orzamentos de 2018, polo que conclúen, que “se se tivera trasladado o documento do anteproxecto dos orzamentos ás forzas políticas da oposición con tempo para tentar facer achegas e negociando as propostas destas, poderíase, a esta altura, ter elaborado un documento máis completo, e, sen lugar a dúbidas, cun amplo consenso”.

Do mesmo xeito, a formación nacionalista recalca que á situación actual (cos orzamentos de 2018 prorrogados, malia que a 1 de xaneiro xa se deberían ter aprobado as contas do ano actual) amosa, de xeito inequívoco, e por cuarto ano consecutivo, a falta de xestión da Marea Atlántica.

“Moito nos tememos que se volverán a cometer os erros pasados e que a proposta que finalmente se tramite incidirá nas mesmas eivas dos anos anteriores onde non se incluíron os investimentos necesarios para os barrios e as rúas da cidade, para as instalacións municipais, para os Mercados Municipais, para os CEIP etc”, advirte a portavoz nacionalista Avia Veira.

Por último, o BNG lamenta, segundo o aparecido nas informacións periodísticas que avanzan estes investimentos, que neste mandato, o único grande investimento realizado sexa a reforma das cubertas de Riazor.

O BNG entende que o Executivo da Marea Atlántica perdeu a ultima oportunidade para elaborar un documento que puidera ser aprobado por unha ampla maioría no Pleno