BNG | nota de prensa

O BNG impulsa unha iniciativa para o Concello habilitar espazos de estudo para a mocidade

Estamos en pandemia e a capacidade de todos os locais, produto das distancias de seguranza, mingua co obxectivo de conter a expansión do virus. Unha das consecuencias é que cada vez hai menos espazos na cidade para as e os alumnos poderen estudar.

O BNG impulsa unha iniciativa para o Concello habilitar espazos de estudo para a mocidade
Rolda Avia sobr os espazos para o estudo int
Rolda Avia sobr os espazos para o estudo

A Coruña, a 21 de maio de 2021.  “Este é un problema real que nos trasladan as e os mozos e desde o BNG imos impulsar unha iniciativa para o Concello habilitar novos espazos propios ou para, na eventualidade destes non seren suficientes, concertar con outras administracións a disponibilidade de locais de estudo”, avanzou este venres a concelleira do BNG Avia Veira.

“Hai moita xente nova, que se vai presentar ás probas de acceso á universidade ou que cursan ciclos de FP, que carece de espazos propios, nas súas casas, para estudar. As administracións teñen que dar resposta a esta necesidade”, di a edil nacionalista, que esta mañá compareceu perante os medios, diante do Ágora, na compaña de Nicolás Neira, Andrea Ramos Queixas e Nacho Siota, estudantes e militantes de Galiza Nova.

No concreto, o BNG propón que o Concello estude a posibilidade de abrir as bibliotecas fóra do horario habitual, habilitar aulas nos centros cívicos e tamén espazos en instalacións como o Ágora ou o Fórum, “que están ademais nos barrios, co que se descentralizaría e se evitarían desprazamentos innecesarios”.

Canto aos acordos con outras administracións, Veira pon como exemplo un hipotético convenio coa Universidade da Coruña: “O Concello pode facerse cargo da limpeza e da vixilancia e a UDC abrir algúns espazos de que dispón na cidade”.

“Este é un problema moi serio”, dixo por súa vez Nicolás Neira. “Afecta fundamentalmente o estudantado popular, aquel que ten menos medios. Quen non ten un computador de seu ou un cuarto propio para estudar, con frecuencia acaba por ver iso reflectido nas súas cualificacións académicas”, engadiu.

No período de exames, subliñou, os espazos que ten habilitados a UDC –o Centro Universitario de Riazor ou a biblioteca Xoana Capdevielle- son de uso exclusivo para estudantes pertencentes ao sistema universitario galego ou de fóra de Galiza. Iso deixa fóra moitas alumnas e alumnos. Canto aos espazos fornecidos polo Concello, “non son, en termos de ruídos, moi aptos para o estudo”, remarca.

“Durante a pandemia viuse claro que hai unha fenda nas notas entre o alumnado con máis recursos e aquel que dispón de menos. É unha fenda económica. Quen ten computador e un cuarto para estudar obtén mellores notas. Este é un problema real que debe ser atendido desde as administracións”, conclúe.

O BNG impulsa unha iniciativa para o Concello habilitar espazos de estudo para a mocidade