BNG | NOTA DE PRENSA | TREN FERROL E LUGO

O BNG leva a modernización do tren a Ferrol e Lugo ao pleno do Concello

Na moción para o seu debate o xoves 3 de outubro, o grupo municipal nacionalista interésase tamén pola conexión ferroviaria co porto exterior

O BNG leva a modernización do tren a Ferrol e Lugo ao pleno do Concello
Tren (Imaxe de cidadecorunha.bng.gal)
Tren (Imaxe de cidadecorunha.bng.gal)

A Coruña, a 26 de setembro de 2019. O grupo municipal do BNG vai defender unha moción para a mellora das conexións ferroviarias con Ferrol e Lugo no pleno ordinario do próximo mes, a se realizar o vindeiro xoves día 3.

Con esta iniciativa, da autoría de Francisco Jorquera, o BNG insta tamén o goberno local a que demande diante do Estado a “urxente realización da conexión ferroviaria co porto exterior de Punta Langosteira”.

No texto da moción, o portavoz do BNG en María Pita considera “escandalosa” a situación da liña ferroviaria actual entre A Coruña e Ferrol, “dúas cidades distantes menos de 20 quilómetros en liña recta” que estarían a padecer “unhas comunicacións ferroviarias máis propias de comezos do século XX do que da primeira metade do século XXI”.

Non por acaso esta liña non dá satisfacción ás necesidades de ambas cidades, sendo que, argúe Jorquera, é “froito dun deseño centralista preocupado de resolver as conexións co centro da península, pero non para conectar A Coruña e Ferrol entre sí”.

A falta de racionalidade do trazado –os trens teñen que se deter 10 minutos en Betanzos-Infesta para mudar de posto de condución e inverter o sentido da marcha- ten como consecuencia que a duración media da viaxe entre as dúas cidades do Golfo Ártabro sexa de unha hora e vinte minutos, a conexión máis lenta do Estado por vía de ancho ibérico, denuncia o voceiro nacionalista.

Situación análoga é a que presenta a liña a Lugo: a duración da viaxe abala entre 1h30m e 1h56m, máis ou menos o tempo que se emprega no AVE para circular entre Madrid e Valéncia.

Sendo así todo isto, o BNG coida “imprescindíbel” a modernización destas liñas “para potenciar o transporte de mercadorías por ferrocarril e para facer posíbel un tren de proximidade que preste servizo á área metropolitana da Coruña”. Isto é: se se pór ao día a rede, a comarca podería dotarse dun moi necesario servizo de cercanías: “O percorrido do camiño de ferro entre Betanzos e A Coruña fai posíbel a conexión coa cidade desde Betanzos, Guísamo, Cecebre, Cambre, A Barcala, O Burgo, Acea de Ama e Fonteculler, para dende As Xubias conectar co centro da Coruña a través do tendido ferroviario do porto ou co campus de Elviña e os polígonos industriais a través do ramal a San Cristobo”.

E o transporte de mercadorías exixe tamén, e así o demanda o BNG, a realización “coa maior celeridade posíbel”, da conexión ferroviaria co porto exterior de Punta Langosteira, “asegurando a ligazón entre o porto interior e o porto exterior e unha solución definitiva á futura Estación de Mercadorías”.

Comentarios
O BNG leva a modernización do tren a Ferrol e Lugo ao pleno do Concello