BNG | nota de prensa

O BNG pide ter acceso ao convenio da Intermodal para ter información sobre os usos comerciais reservados á ADIF

“Non é tolerábel que a estas alturas os grupos continuemos sen coñecermos os contidos concretos duns acordos que en virtude dun principio de mínima transparencia do Concello terían que estar xa pendurados na web municipal”, defende Avia Veira

O BNG pide ter acceso ao convenio da Intermodal para ter información sobre os usos comerciais reservados á ADIF
Maqueta estación intermodal
Maqueta estación intermodal

A Coruña, a 26 de maio de 2021. A concelleira do BNG Avia Veira solicitou esta mañá por escrito ter acceso ao convenio da Intermodal subscrito onte en Madrid pola alcaldesa, a conselleira de Infraestruturas, o ministro de Transporte, Mobilidade e Axenda Urbana e a presidenta do Adif.

“A día de hoxe, os grupos municipais continuamos sen coñecer o contido concreto do que asinou onte a alcaldesa. Iso non é tolerábel. O normal é que, en virtude dun principio de mínima transparencia, os acordos terían que estar xa pendurados na web do Concello para o seu público coñecemento”, considera Avia Veira.

No Pleno do pasado 6 de maio, o BNG suscitou xa a cuestión de os grupos non ter información sobre os usos comerciais e complementarios (para enaxenación de espazos) que o convenio atribuiría a ADIF na futura Intermodal.

“Preocúpannos especialmente as superficies comerciais que se podan instalar alí, polo impacto que podan vir a ter sobre o pequeno comercio do barrio dos Mallos”, di Avia Veira.

É por isto que o BNG solicita por escrito ter acceso ao convenio.
 

Comentarios
O BNG pide ter acceso ao convenio da Intermodal para ter información sobre os usos comerciais reservados á ADIF