BNG | nota de prensa

O BNG pondera como positivos elementos básicos da proposta da UDC sobre a zona 2 dos peiraos

O BNG pondera como positivos elementos básicos da proposta da UDC sobre a zona 2 dos peiraos, con algunhas reservas a respecto de como se abordarían os usos residenciais

O BNG pondera como positivos elementos básicos da proposta da UDC sobre a zona 2 dos peiraos
Comisión do bordo litoral (foto BNG)
Comisión do bordo litoral (foto BNG)

A Coruña, a 16 de decembro de 2020. O portavoz do BNG en María Pita, Francisco Jorquera, celebra que na Comisión do Bordo Litoral realizada esta mañá se constatase a existencia de consenso entre os distintos grupos municipais a respecto de cuestións básicas para a formación nacionalista, tales como que o Estado comprometa fondos para levar a cabo a transformación dos terreos portuarios por unha cantidade equivalente á débeda contraída pola Autoridade Portuaria pola construción da dársena exterior e a imprescindíbel conexión ferroviaria con Punta Langosteira.

“Sen resolvermos esas dúas cuestións é materialmente imposíbel avanzar cara ao deseño da nova fachada marítima da cidade, un deseño que ten que significar o reencontro da cidade co mar”, afirma Francisco Jorquera.

Na orde do día da Comisión do Bordo Litoral figuraba como único punto da orde do día a presentación do informe encargado polo Concello á Universidade da Coruña en relación á zona 2 dos peiraos interiores (San Diego, Centenario, Porto Petroleiro...).

“Parécenos unha proposta con elementos positivos e algunha cuestión coa que temos algunha reserva, refírome a como se abordarían os usos residenciais no Porto Petroleiro. En todo caso, é unha proposta que enriquece un debate que desde o BNG queremos que sexa o máis aberto posíbel á sociedade, un debate no que debe participar o conxunto do tecido asociativo da cidade”, di Jorquera.

Canto aos elementos do informe da UDC que o BNG pondera como positivos, o portavoz nacionalista cita a proposta de que se manteñan os usos produtivos do porto interior. “Non todo é trasladábel á dársena exterior. O porto interior ten que continuar sendo un motor económico da cidade”, subliña. E teno que facer incentivando a aparición de actividades vinculadas á economía azul e verde, con alto valor engadido, remarcou Jorquera.

A formación nacionalista coincide tamén coa proposta da UDC en relación ao aproveitamento da infraestrutura ferroviaria de San Diego e nese sentido enfatiza que o proxecto de instalar alí un intercambiador de transporte público para dar servizo a un futuro servizo de cercanías ferroviario constitúe “unha demanda histórica do BNG”.

“Tamén vemos con bos ollos que se permeabilice o porto e que se aposte por crear novas zonas verdes e equipamentos para os barrios da contorna”, engade.

Neste sentido, que na zona de San Diego se debuxe unha continuidade do Parque Europa ou do Parque de San Diego parécelle ao BNG unha boa idea. “O BNG sempre defendeu que os barrios lindeiros precisan de equipamentos e zonas verdes”, indica Jorquera.

Canto ás reservas, o portavoz nacionalista focalízaas en como o informe da UDC aborda os usos residenciais no Porto Petroleiro, unha actuación que en todo caso os autores deste traballo prevén a moi longo prazo, previa descontaminación de toda a área actualmente ocupada polos depósitos de Repsol.

O BNG concorda na necesidade de combinar usos nos actuais terreos portuarios, co obxectivo de que teña vida durante as 24 horas e non se converta nunha zona desértica cando caia a noite. “Mais os usos residenciais non teñen por que ser pisos necesariamente. Pode preverse por exemplo a existencia de residencias para maiores, estudantes e investigadoras/es”, precisa o portavoz nacionalista.

CONSORCIO

En todo caso, o grupo municipal do BNG quere subliñar que a clave para a redifinicion dos peiraos –co horizonte de que o Estado comprometa fondos por unha cantidade equivalente á débeda contraída pola Autoridade Portuaria e a construción do enlace ferroviario a Punta Langosteira- pasa pola constitución dun consorcio ou ente que englobe as distintas administracións públicas concernidas.

“No Pleno de novembro urximos a alcaldesa a que dese pasos concretos nesa dirección. Agardamos que se concreten á maior brevidade posíbel. Todas as propostas son benvidas, mais o que cómpre é que as administracións se poñan as pilas e pasemos xa da fase das propostas á fase executiva”, conclúe Jorquera.

Comentarios
O BNG pondera como positivos elementos básicos da proposta da UDC sobre a zona 2 dos peiraos