E POLO PARQUE DO OBSERVATORIO DA AGRA E O CARRIL-BUS

O BNG preguntará no Pleno de xaneiro sobre a renuncia da Marea Atlántica ao Plano de Inclusión Social

O BNG presentou as que serán as súas preguntas para a súa resposta oral do vindeiro Pleno ordinario de xaneiro.

Deste xeito, a formación nacionalista trasladará ao Pleno sendos debates sobre o Plano de inclusión Social, o Parque da Agra e  o carril-bus.

 

O BNG preguntará no Pleno de xaneiro sobre a renuncia da Marea Atlántica ao Plano de Inclusión Social
Avia Veira
Avia Veira

A respecto da primeira iniciativa, tal e como se amosou na proposta de orzamentos para o ano 2018, e como denunciaba a propia portavoz nacionalista no Pleno onde foron aprobados, a formación quere que se aclare o porque o Goberno Municipal da Marea renuncia para o ano 2018 a elaborar un Plano de Inclusión Social.

“Para nós é irrenunciábel realizar este plano: establecería un marco de traballo futuro e artellaría o xeito eficaz as actuacións en materia de xustiza social, debullaría polo miúdo as necesidades en integración social, redundaría na mellora da calidade de vida das persoas etc. A renuncia a desenvolvelo, algo improvisado entre a Marea e PSOE na Comisión de Facenda desta semana para facer encaixe das esixencias do propio grupo socialista para apoiar a proposta orzamentaria só podemos cualificala como unha desafección completa do Goberno municipal a respecto co programa electoral co que se presentou ás eleccións en 2015, e algo que nos parece incomprensíbel e intolerábel”, denuncia a concelleira nacionalista Avia Veira.

A segunda cuestión que o BNG leva a debate a Pleno será a apertura do Parque do Observatorio da Agra do Orzán.

Despois das sentencias xudiciais do ano pasado, as nacionalistas pregúntanse a que está a agardar o Executivo local para realizar as actuacións urbanísticas correspondentes para abrir definitivamente para o barrio da Agra a única zona verde deste populoso barrio da cidade.

“Lembramos que este ano a veciñanza da Agra presentou máis de 1.300 sinaturas urxindo da área de Rexeneración Urbana a reordenación deste espazo, xusto despois de que o concelleiro da área, Xiao Varela, avanzara que contaba xa cun proxecto de reordenación, sen especificar detalles. Mais despois de 8 meses non sabemos nada dese proxecto, nin dos prazos para a súa execución. Doutra volta tratouse dun anuncio baleiro, propagandístico e sen visos que se realiza para este mandato, como xa nos ten acostumada a área de Rexeneración Urbana, e co cal seguirase perpetuando a débeda pendente para co barrio da Agra”, sinala a portavoz municipal do BNG.

Por último, a última pregunta para a súa resposta oral que trasladan as nacionalistas será a respecto do carril-bus, algo que a propia Marea Atlántica levaba como punto 32 dentro do seu programa “99 medidas para o 99%”.

As nacionalistas lembran que en setembro, despois da semana da mobilidade, denunciaban, precisamente, que,  a aquela altura, despois de dous anos de mandato, se executaran 0 metros de carril bus.

Nesa mesma comparecencia pública, Avia Veira sinalaba que “(...) as medidas en materia de mobilidade deberían ser prioritarias (...) porque se trata dunha competencia exclusiva dos concellos, polos efectos que podería ter sobre a cidade: na vida da xente, que podería moverse con máis facilidade e en menos tempo, mais tamén sobre a súa saúde, sobre o medio ambiente e sobre o comercio”, e xa anticipaba que o BNG estaba traballando para realizar achegas de cara os orzamentos de 2018 nesta área.

“Mais como vimos cos orzamentos municipais o Goberno Local limita a súa aposta pola mobilidade exclusivamente á promoción da bicicleta e ten pensado deixar o transporte público colectivo tal e como está, cando o establecer unha vía prioritaria de paso do autobús urbano, un carril-bus, é unha medida sinxela, que non necesitaría dun investimento millonario, que se executaría de xeito case inmediato e que redundaría na mellora de xeito global na mobilidade da cidade. E queremos que se nos aclare o por que se renuncia a el”, conclúe a portavoz do BNG Avia Veira.

Comentarios
O BNG preguntará no Pleno de xaneiro sobre a renuncia da Marea Atlántica ao Plano de Inclusión Social