Buscar
12:55h. Miércoles, 14 de Noviembre de 2018

Priorizando os servizos públicos, o emprego, a mobilidade, a xustiza social e os barrios sobre as externalizacións e as festas

O BNG presenta emendas aos orzamentos

O Bloque exixe que se cumpra coa moción aprobada en pleno para a convocatoria dunha consulta publica sobre o futuro dos terreos do Porto e para iso recolle unha partida orzamentaria 

Rolda de prensa do BNG
Rolda de prensa do BNG

Avia Veira: “Nós sinalamos que o orzamento de 2018 era o orzamento das renuncias deste Goberno municipal. Para corrixir isto, diminuímos a partida en externalizacións, publicidade, dietas do Goberno e festas e introducimos, entre outras moitas, unha partida para o carril bus, subimos de 1 a 1,6 millóns de euros a partida da Renda Social Municipal, unha partida para o Plan de Inclusión Social”

As nacionalistas sinalan que estas son as cuestións que propoñen para que se recollan no orzamento aínda que manifestan que a solución a moitas tachas do Executivo da Marea Atlántica correspóndense ao que ten que ser a acción do Goberno como impulsar a modificación do regulamento de Participación, facer efectivas as ofertas públicas de emprego, exixirlle á empresa de limpeza viaria que cumpra, etc.

O BNG presentou esta mañá en rolda de prensa, na que participaron a concelleira nacionalista, Avia Veira, e Manuel Francisco Méndez, responsábel local do Bloque da Coruña, as que son as súas emendas ao proxecto de orzamentos municipais para 2018 co obxectivo de mellorar o orzamento priorizando os servizos públicos, o emprego, a mobilidade, a xustiza social e os barrios sobre as externalizacións e as festas.

Así, na comparecencia pública, a portavoz municipal da formación nacionalista, Avia Veira, detallou, de xeito pormenorizado, as grandes prioridades para a cidade da Coruña e que teñen os seu correspondente na súa proposta de reclamacións ao orzamento municipal de 2018. Tamén deu conta das propostas de minoración que solicitan, principalmente centradas nas partidas de externalizacións, publicidade e festas.

Deste xeito, a edil nacionalista salientou que a súa formación propón coas súas propostas facer unha Coruña máis habitábel con investimentos en xustiza social, mobilidade e en barrios, complementando a súa proposta con até 50 actuacións detalladas, entre outras, na atención de servizos públicos, emprego ou participación. 

“Todas as nosas propostas son complementarias ás que xa introduce o Goberno no orzamento. Nós non renunciamos á nosa responsabilidade. Desde o BNG, sinalamos que o orzamento de 2018 era o orzamento das renuncias deste Goberno municipal. Para corrixir isto, diminuímos a partida en externalizacións, publicidade, dietas do Goberno e festas e introducimos, entre outras moitas, unha partida para o carril bus, subimos de 1 a 1,6 millóns de euros a partida da Renda Social Municipal, unha partida para o Plan de Inclusión Social", sinalou na súa comparecencia a portavoz municipal do BNG.

“A respecto de xustiza social, facemos a proposta, por valor de medio millón de euros, de incluír axudas para o copagamento do Servizo de Axuda a Domicilio; tamén queremos recuperar os máis de 600.000 euros que o Goberno municipal retirou, a respecto do ano pasado, da Renda Social Municipal. Ou propoñemos unha contía de 50.000 euros, para a elaboración do máis que demandado Plano de Inclusión Social, ou outros 50.000 euros para o programa de descentralización dos servizos sociais municipais. Entendemos fundamentais estes investimentos  para a actuar na loita contra a exclusión social, polo que a entendemos como prioritario que se teñan en conta estas propostas”, puntualizou a concelleira nacionalista.

Asemade, o BNG insistiu na necesidade de facer unha aposta decidida na mobilidade, denunciando os retrasos do Goberno municipal en materia de transporte público que de momento só contemplan neste orzamento as melloras na Millenium, derivado dos orzamentos participativos, e o pagamento dos traballos de elaboración da proposta de reordenación das liñas de buses. “Porén, o Goberno local non contemplou na súa proposta de contas para o ano 2018 unha partida para o carril bus: unha infraestrutura imprescindíbel para que o transporte público na nosa cidade funcione e sexa rápido e eficiente”, sinalou Veira. Neste eido, as nacionalistas tamén recolleron  outra partida para a reparación da pavimentación da Estación de Autobuses, da que recentemente se trasladaron queixas polo seu deterioro.

Pola súa banda, Manel Méndez, responsábel local do Bloque da Coruña, sinalou que para os barrios, a emenda do Bloque recolle até 26 actuacións con propostas de máis de dous millóns de euros destacando, entre outras, a proposta de rehabilitación da contorna da zona do Observatorio, a rehabilitación completa da rúa da Torre e da rolda de Monte Alto no seu primeiro tramo, a mellora da seguridade vial neste barrio, a posta en marcha da segunda fase do corredor entre as rúas Riberira Sacra e fragas do Eume, a rehabilitación de espazos públicos na Sagrada familia ou do parque infantil, contorna e o campo de fútbol da zona das vivendas do Carme no barrio de Labañou, mais tamén investimentos para As Xubias, San Pedro de Visma ou Palavea.

Finalmente, a formación nacionalista deu conta doutra serie de propostas que tamén entende de necesaria execución para este ano, neste caso na atención de servizos públicos: a reforma do rexistro municipal de María Pita ou o incremento retributivo derivado da Lei 3/2017. 

Para o emprego, as nacionalistas fan fincapé na dotación de cartos para o Plano de Industrialización, o estudo de xacementos de emprego, o Banco de Locais Comerciais, para programas de cooperativismo que teñan como base a economía circular ou para a rehabilitación de firmes e beirarrúas no polígono da Agrela, a habilitación dun espazo de aparcamento no polígono da Agrela. 

En materia de participación, o Bloque exixe que se dote cunha partida orzamentaria a consulta pública sobre o futuro dos terreos do Porto para cumprir coa moción aprobada en pleno xa que, para as nacionalistas, a participación das coruñesas e dos coruñeses no que será o futuro do Porto da Coruña non pode limitarse a un foro de debate de dous días.

“Todas estas son cuestións que propoñemos para que se recollan no orzamento aínda que a solución a moitas tachas do Executivo da Marea Atlántica correspóndense ao que ten que ser a acción do Goberno como impulsar a modificación do regulamento de Participación, facer efectivas as ofertas públicas de emprego, exixirlle á empresa de limpeza viaria que cumpra, etc.”, sinalou tamén Veira.

Por último, os representantes do Bloque manifestaron descoñecer se se van atender estas reclamacións ou se o Goberno ten intención algunha de resolvelas positivamente. “Gustaríanos telas proposto antes da aprobación inicial mais fomos excluídos de toda negociación xa que o propio Goberno municipal deu a calada por resposta cando lle solicitamos o proxecto de orzamentos con carácter previo ás nosas propostas e só tivemos acceso a el –e parcialmente- no momento en que se convocou a Xunta de Goberno Local na que se aprobaron”, concluíron.