BNG | nota de prensa

O BNG urxe o goberno local a que elabore o máis axiña posíbel o Plan de Inclusión Social do Concello

Pregunta de Avia Veira ao Goberno Local no Pleno deste xoves 4 de febreiro
O BNG urxe o goberno local a que elabore o máis axiña posíbel o Plan de Inclusión Social do Concello
Avia Veira
Avia Veira

A Coruña, a 1 de febreiro de 2021. O BNG xa defendeu no pasado mandato que o Concello se dotase dun Plano de Inclusión Social. A crise socio-económica decorrente da pandemia faino agora máis necesario do que nunca, de aí que a nosa concelleira, Avia Veira, se vaia dirixir ao Goberno Local no Pleno deste xoves para, por medio dunha pregunta oral, instalo a que o elabore de inmediato.

“Xa o reclamamos no anterior mandato. Infelizmente non foi posíbel. Mais agora non hai tempo que perder e este Goberno Local teno que impulsar o máis axiña posíbel”, aprema Avia Veira, quen lembra que a elaboración do Plan de Inclusión Social “figura nos compromisos que contraeu o grupo municipal socialista cando asinou connosco o Acordo de Investidura en xuño de 2019”.

Para Avia Veira, este plan é clave para o Concello enfrontar con garantías a emerxencia social que se está a producir a consecuencia da pandemia.

“Fainos falta unha guía que articule os protocolos precisos para atender as persoas que o necesitan. Un plan que coordine todas as áreas do Concello, desde os departamentos de Emprego a Contratación pasando polos Servizos Sociais”, di a edil nacionalista.

Trátase, en definitiva, de “coordinar todas as ferramentas que existen”, desde a renda municipal social a todo tipo de axudas doutras administracións, visando en último termo “clarificar a carteira de servizos sociais que ten o noso Concello”.

“Sempre, e hoxe máis que nunca, as políticas sociais, as políticas para mellorar a vida das persoas, teñen que ser a prioridade número un do Concello”, conclúe Avia Veira.

Comentarios
O BNG urxe o goberno local a que elabore o máis axiña posíbel o Plan de Inclusión Social do Concello