MOSTRA

O ciclo ReaLES achegará cunha mostra a vida de mulleres lesbianas referentes e promoverá o debate esta fin de semana

A concelleira de Benestar Social, Yoya Neira, presentou esta mañá unha iniciativa que organiza Les Coruña e que se completará con proxeccións, picada de discos e un concerto de Las Antonias na Mardi Gras
O ciclo ReaLES achegará cunha mostra a vida de mulleres lesbianas referentes e promoverá o debate esta fin de semana
Yoya Neira
Yoya Neira

A edila de Benestar Social, Yoya Neira, presentou esta mañá o ciclo ReaLES, que organiza Les Coruña e que se traducirá esta fin de semana en conferencias e exposicións. A concelleira destacou que a mostra fotográfica "Pedras", de María José Garrido poderá verse ata o 16 de decembro en catro puntos diferentes, e o Obelisco será o punto de partida: "É importantísimo que a través da arte se normalice e se lle dea visibilidade a unha realidade como é a orientación sexual en mulleres lesbianas", xa que a loita do LGTBI pasa pola non discriminación e a igualdade de oportunidades, independentemente da condición sexual de cada individuo: "Moitas veces cremos que está todo feito e ao final sucesos como o de hoxe en Carballo fannos ver que queda moito".

Neira incidiu en que a colaboración entre a Administración pública e os colectivos debe ser estreita para "erguermos a bandeira do activismo e seguir traballando por conseguir unha sociedade moito mellor. Ciclos coma este axudan a logralo xunto coa cultura". Noemí Díaz, de Les Coruña, explicou que a iniciativa, que abordará a realidade das mulleres lesbianas, xurdiu porque "estamos invisibilizadas e todo o que non se ve é como se non existise". A activista ve primordial tomar o espazo público e "declararmos lesbianas nun mundo no que xa é de por si unha presión ser muller. Queremos poñer caras e relatos, dar a coñecer a historia de mulleres lesbianas relevantes", indicou.

A mostra "Pedras", cedida pola Federación Estatal de lesbianas, gais, transexuais e bisexuais (FELGTB), contará así en imaxes a vida de mulleres veteranas que loitaron contra a lesbofobia e do Obelisco, as instantáneas pasarán á Gaiteira, onde estarán instaladas do 22 ao 29 de novembro, pasa seguir na rúa Barcelona, do 29 ao 6 de decembro, e rematar o seu periplo na praza do Lugo, onde permanecerán ata o 16 de decembro.

Ademais, a Fundación Seoane acollerá mañá, ás 20.00 horas o coloquio "Onde están as lesbianas?", protagonizado por Marta Fernández, (fundadora da rede empresarial de mulleres lesbianas LesWorking, Madrid), Ana Ojea (titora LGBTIQ+ no IES Politécnico de Vigo), Cristina P. Sánchez (coordinadora de políticas lésbicas da FELGTB, Madrid), Beatriz S. Briones (codirectora do Posgrao en Políticas de Xénero, Vigo) e Tela Blanco (música e activista, integrante de Femnoise, Barcelona). Ás 22.00 horas haberá unha sesión DJ na mesma fundación, coa propia Telástika DJ (Tela Blanco, Barcelona) e unha introdución de Rapariga DJ.

Finalmente, o edificio volverá albergar o 14 de decembro, ás 20.00 horas, a proxección do documental "Lesbofobia", que irá seguido dun coloquio ao que asistirá parque do equipo da cinta. A xornada acabará co concerto ás 23.00 horas de Las Antonias, na sala Mardi Gras.

Comentarios
O ciclo ReaLES achegará cunha mostra a vida de mulleres lesbianas referentes e promoverá o debate esta fin de semana