Xunta de Goberno Local

Concedido o servizo de limpeza viaria durante 8 anos

O Goberno municipal adxudica o servizo de limpeza viaria da Coruña á UTE FCC Medio Ambiente SA- Ingeser Atlántica SA por un importe de 14.383.287 euros anuais. O prazo de duración do contrato será de oito anos, improrrogable. Ferrovial faise co contrato de limpeza dos museos municipais.
Concedido o servizo de limpeza viaria durante 8 anos
Inés Rey presidiu a Xunta de Goberno Local deste mércores. Imaxe: Concello
Inés Rey presidiu a Xunta de Goberno Local deste mércores. Imaxe: Concello

A campaña electoral das municipais de hai un ano xirou, en parte e baixo o impulso do PP, sobre o estado da limpeza das rúas e outros espazos públicos da cidade, en medio dun conflito aberto coa empresa concesionaria. A tramitación do novo contrato municipal fíxose esperar. Mais este mércores, 26 de febreiro, a Xunta de Goberno tomou unha decisión que compremete a cidade e a empresa concesionaria para os próximos 8 anos.

Un dos cambios neste novo contrato é a obriga da concesionaria de manter un persoal mínimo de 275 persoas operarias, a maioría delas peóns e condutores, co fin de cubrir as necesidades do servizo. Deste xeito, o servizo terá un reforzo da limpeza de pintadas que ten como obxectivo mellorar o aspecto do mobiliario público danado polo vandalismo.

O novo contrato prevé a incorporación ao servizo de nova maquinaria que mellorará substancialmente a limpeza nas rúas e a seguridade do persoal traballador que durante anos denunciou o estado das súas ferramentas de traballo. Así, poñeranse a traballar 91 novas máquinas, 8 baldeadoras, 17 vehículos auxiliares, nove fregadoras, 6 varredoras, 2 furgóns hidrolimpadores e un camión aspirador. A esta nova maquinaria engadiranse 32 aparellos que xa posuía o concello, entre eles 14 vehículos de distinto tipo e 7 varredoras e fregadoras.

Ferrovial

Tamén se lle adxudicou á empresa Ferrovial Servicios S.A. o servizo de limpeza dos Museos Científicos por un importe de 327.639 euros anuais. O prazo de duración do contrato será de tres anos prorrogables por dous anos máis ata un máximo de cinco. Autorizouse o gasto de 661.983 euros para a contratación das obras de estabilización do noiro rochoso na avenida de Arteixo lindeiro co Palacio da Ópera. O prazo de execución é de seis meses.

No ámbito das infraestruturas, aprobouse concederlle á empresa Manuel Rivas Boquete SL unha prórroga do contrato de servizo de mantemento e reparación dos pavimentos das beirarrúas e áreas peonís, así como do mobiliario urbano na zona norte da cidade polo prazo dun ano e por un importe de 1.600.000 euros (IVE incluído), e concederlle outra prórroga por un ano á entidade Equipos de Señalización y Control S.A. (ESYCSA) para o mantemento e conservación de túneles na Coruña por un importe máximo de 418.660 euros.

Mercados e Proxecto Eidus

Na sesión desta mañá tamén se ratificou a operación EDUSI denominada "Remodelación interior e da funcionalidade de mercados municipais e actuacións nos espazos públicos lindeiros dos mercados municipais dos barrios da cidade", operación financiada polo Fondo Europeo Rexional FEDER no marco do eixo 12 do POPE cun cofinanciamento do FEDER do 80%, paso previo á licitación de obras en distintos mercados da cidade (Monte Alto, Durmideiras) como aparece recollido nos orzamentos da cidade. Ademais, a Xunta de Goberno Local ratificou o proxecto denominado "Equipamento e xestión de espazos para feiras e venda ambulante", tamén cofinanciado con fondos europeos.

A modificación do Plan de comunicación do Proxecto Eidus Coruña tamén recibiu luz verde. O plan pretende ser un manual e unha guía que marque as liñas xerais do proxecto Eidus Coruña e sinala de maneira clara e concisa a mensaxe e as accións. O plan debe difundir a orixe dos fondos e darlle a coñecer á sociedade as actuacións levadas a cabo en cada proxecto con fondos europeos.

Comentarios
Concedido o servizo de limpeza viaria durante 8 anos