MEDIO AMBIENTE

A Concellería de Medio Ambiente e o comité de empresa de Albada acordan unha mesa de traballo conxunto, que supón a suspensión da folga prevista para o día 21

O Goberno local e a representación do cadro de persoal traballarán “para blindar os dereitos laborais” a través das cláusulas a incluír nos pregos da vindeira concesión e que serán de obrigado cumprimento para a empresa que xestione a planta de Nostián

A Concellería de Medio Ambiente e o comité de empresa de Albada acordan unha mesa de traballo conxunto, que supón a suspensión da folga prevista para o día 21
Reunión da Concelleira de Medio Ambiente, María García co comité de empresa de Albada
Reunión da Concelleira de Medio Ambiente, María García co comité de empresa de Albada

A Coruña, 17 de abril de 2019.- A concelleira de Medio Ambiente, María García, asinou este mediodía un acordo co comité de empresa de Albada para abrir unha mesa de traballo conxunto no que definir as cláusulas sociais e laborais nos pregos para a licitación do vindeiro contrato de xestión da planta. Este acordo permite aprazar a convocatoria de folga prevista para este domingo ata o día 30. “O obxectivo é que os e as traballadores poidan recuperar os dereitos laborais perdidos no pasado no novo contrato a través das cláusulas, tal e como vimos facendo con todas as novas concesións municipais. Aí o Concello ten marxe para garantir o emprego digno nas concesión municipais, e esa cremos que é a vía de traballo, a que defendidos desde o principio”, indica García. A concelleira considera que “realizar uns pregos que aseguren unhas boas condicións laborais no futuro contrato da planta é o único camiño posible para o persoal, xa que a empresa concesionaria actual négase a negociar estes incrementos na negociación colectiva cos traballadores”. “Temos unha empresa que se nega a negociar, e que mesmo pode estar tentando aproveitar a situación para obter unha serie de beneficios que non están enriba da mesa agora mesmo, e que teñen pouco que ver coas demandas do cadro de persoal”, reprochou a edil.

A concelleira salientou que a prioridade do Goberno local é defender “un emprego digno e tamén o interese xeral da cidadanía, e faino non cedendo ás presións da empresa e traballando para evitar unha folga que prexudicaría a toda a cidade”. E iso, dixo, acádase pola vía do traballo co comité de empresa. Neste sentido, García indicou a mesa será o espazo no que as persoas representantes do persoal poidan expoñer as súas demandas e onde tamén o Concello poida analizar a súa viabilidade xurídica para incluílas como requisitos para a nova concesionaria durante a prestación do servizo. “Imos sentar unhas cláusulas sociais que blinden os dereitos laborais, que sexan obrigatorias para a empresa que vaia xestionar a planta na nova concesión e que afiancen esa aposta que temos desde o Concello polos dereitos dos e das traballadoras”, remarcou.

A responsable municipal lembra que o conflito en Nostián ten a súa orixe na negociación do convenio colectivo entre o cadro de persoal da planta de tratamento de residuos e a empresa que xestiona a planta, Albada. A Concellería de Medio Ambiente estivo en contacto coas dúas partes para tratar de que a empresa accedese a unha reivindicacións que o Goberno local considera “xustas e de recuperación de dereitos perdidos nos últimos anos”. “A postura da empresa é canto menos decepcionante porque parece que tratan de utilizar o conflito para tratar de obter do Concello pola vía da folga un rendemento que non lle outorgou a xustiza. E quen paga todo esta estratexia é, ao final, a cidadanía da Coruña”, apuntou.

Comentarios
A Concellería de Medio Ambiente e o comité de empresa de Albada acordan unha mesa de traballo conxunto, que supón a suspensión da folga prevista para o día 21