Axenda social

A Coruña acollerá nos vindeiros meses unha decena de citas profesionais como cidade destino de congresos

O concelleiro Alberto Lema sinala como “estratéxico” este sector, que congregará a unhas 1.500 persoas entre o 21 e o 25 deste mes nun encontro sobre reumatoloxía

A Coruña acollerá nos vindeiros meses unha decena de citas profesionais como cidade destino de congresos
O concelleiro Alberto Lema e a xerenta de Turismo da Coruña, Lanzada Calatayud
O concelleiro Alberto Lema e a xerenta de Turismo da Coruña, Lanzada Calatayud

Concello da Coruña | 13/05/2018

A cidade será sede, nos meses vindeiros, dunha decena de congresos, o próximo, o Simposio Transforming Cities Enhancing Well Being, que terá lugar entre os días 16 e 18, que atraerá a unhas 200 persoas, e ao que seguirá, entre os días 21 e 25, o Congreso Nacional Reumatoloxía, cunha afluencia prevista de 1.500 persoas. A este respecto, o concelleiro Alberto Lema, presidente á súa vez do Consorcio de Turismo, salienta que A Coruña "está a tomar peso como destino MICE atlántico, a tenor do volume de celebración de eventos profesionais que se están a dar cita neste 2018 e que terán lugar no vindeiro 2019", e destaca que a cidade está sendo convidada a participar en numerosos eventos, workshops e encontros profesionais que a consolidan como cidade destino desta clase de eventos no estranxeiro. Trátase, como salienta o responsable municipal de Turismo, dun sector "estratéxico, xa que é polo de xeración de actividade turística, debido ao volume de persoas que atraen e polo perfil que atraen, vinculado con actividades profesionais que engaden valor a estas visitas".

Ao longo deste 2018, espérase que arredor de 3.500 persoas se dean cita na cidade ao abeiro de diversos congresos profesionais de sectores coma a medicina, a tecnoloxía, a avogacía, a ciencia e o benestar, con citas como o VI Congreso Nacional de Enfermería e Cirurxía, que congregará arredor de 250 profesionais entre o 30 de maio e o 1 de xuño; o Congreso Nacional Avogacía Nova, que se desenvolverá entre o 14 e o 16 de xuño e contará con 500 persoas; A Coruña DNA Metabarcoding Workshop, no que participarán 100 persoas os días 27 e 28 de xuño; e o XXVIII Encontro de Didáctica nas Ciencias Experimentais, no que 200 profesionais estarán na cidade entre o 5 e o 7 de setembro. A estas sumaranse outras citas ata completar unha decena de eventos destas características no que queda de exercicio. Nas últimas semanas, os recintos congresuais da cidade xa albergaron o XVII Congreso Nacional de Lupus -celebrado o 4 e 5 deste mes, con 350 participantes- e o VIII Congreso Nacional de Equipos Terapia Intravenosa, entre os días 9 e 11, con outros 300 profesionais asistentes.

Para o vindeiro ano aínda se está a traballar na programación e peche de diferentes eventos de índole profesional, pero as previsións son aínda máis optimistas, cunha estimación inicial dunhas 5.000 persoas. Entre as citas, sucederanse as Xornadas de Aprendizaxe e Ensinanza das Matemáticas, o Congreso da EUPSICO e os congresos estatais tanto da Sociedade Española de de Nefroloxía como da Sociedade Española de Enfermería en Nefroloxía. Estes datos, sinala o concelleiro, "garanten o posicionamento da cidade como destino non exclusivamente turístico, senón tamén en ámbitos profesionais e especializados".

Esta é unha área na que tanto a Concellaría de Emprego e Economía Social e o Consorcio de Turismo e Congresos, en colaboración con Palexco, EXPOCoruña e Hospeco, están a facer especial fincapé. Tal e como fai notar Lema, as persoas que visitan a cidade por motivos profesionais, ben sexa en congresos, encontros ou eventos similares, xeran un maior impacto económico na rúa, motivado pola súa maior capacidade de gasto. "O obxectivo do Consorcio é propoñer a cidade ás entidades organizadoras deste tipo de reunións e garantir que o volume de eventos MICE na Coruña siga en aumento", destaca.

Con esta misión, Turismo da Coruña participará a finais deste ano 2018 en tres eventos de categoría internacional para presentar directamente a cidade como destino a empresas e organizadores de congresos, convencións, incentivos e eventos. Así, a cidade estará presente na Feira IMEX 2018 Worldwide exhibition for incentive travel, meetings and events de Frankfurt neste mes de maio, no Workshop Iberian Mice Forum de Porto en outubro, e na Feira EIBTM The Global Meetings & Events Exhibition de Barcelona en novembro.

A Coruña acollerá nos vindeiros meses unha decena de citas profesionais como cidade destino de congresos