Recolleron en dous anos case 50.000 quilos na cidade

A Coruña amplía a 42 os contedores para aceite de cociña usado

Medio Ambiente prevé incrementar de novo o número de recipientes para favorecer a reutilización deste residuo doméstico con 20 novas unidades en 2018, resultantes do proceso de orzamentos participativos

A Coruña amplía a 42 os contedores para aceite de cociña usado
aceite usado
Novos contedores para aceite de cociña

A Coruña contará a partir da próxima semana cun total de 42 contedores  para a recollida específica de aceite doméstico usado, despois de que se habiliten 16 novas unidades na contorna de Campo da Leña, Juan Flórez, Mestre Mateo, Praza de Recife, Praza de Vigo, Calvo Sotelo, Casa da Auga, Praza da Tolerancia, Ronda de Outeiro, Avenida Fisterra, Castro Camiños, Parque Europa, A Gaiteira, Os Castros e Xardíns de Méndez Núñez, onde se colocarán dúas. A concelleira de Medio Ambiente, María García, salientou este venres "o compromiso que está a amosar a cidadanía coa necesaria recollida destes residuos domésticos, que son especialmente contaminantes no caso de non ser tratados de forma adecuada". A responsable municipal destacou o "considerable incremento" dos quilos que se recollen na cidade dende que o actual goberno local comezou a colocar estes contedores, en colaboración co colectivo Mulleres Colleiteiras, coas que o Concello ten asinado un convenio. "En 2015, A Coruña contaba cuns datos baixos en canto á recollida de aceites usados de cociña. Contabilizábanse uns 11.000 quilos que eran depositados pola veciñanza nos puntos limpos da cidade. Pola contra, neste ano, só nos 26 contedores habilitados (á marxe dos puntos limpos) recolleuse catro veces máis", indicou. En concreto, en 2016 contabilizáronse 10.995 quilos de aceite doméstico, fronte aos 38.670 litros deste ano. "Estamos a falar de que en ano e medio, xa que este servizo se iniciou a mediados do ano pasado, se recolleron case 50.000 quilos", subliñou a edil.

"Os primeiros contedores que se habilitaron situáronse na contorna de todos os centros cívicos da cidade, ademais de nos mercados municipais. Agora, queremos chegar a outros puntos da cidade coa colocación destes novos 16 contedores", dixo a concelleira García, que adiantou que, ademais, está previsto que ao longo do ano 2018 se habiliten outras 20 estruturas de recollida, en base a unha das propostas do proceso de orzamentos participativos. "Así, en menos de tres anos conteremos cunha rede de contedores para os aceites de 62 unidades", avanzou.

"Os aceites usados son especialmente contaminantes e van directamente ao mar se non teñen o tratamento adecuado, é dicir, se se verten directamente ao sumidoiro", comentou a concelleira, que indicou que a colocación destes recipientes entronca con outros proxectos levados a cabo polo goberno local, como o  plan de Vertido Cero, que busca eliminar as verteduras incontroladas á ría, así como os distintos programas de fomento da reciclaxe e do impulso de iniciativas de economía circular, como forma para empoderar a colectivos con difícil acceso ao mercado laboral. "Por suposto, tamén damos resposta a unha demanda recorrente da cidadanía, que levaba tempo solicitando poder colaborar e ter un lugar específico e accesible no que poder deixar o aceite usado. Con esta iniciativa, todos e todas contribuímos co medio ambiente, xa que nos aseguramos que ese aceite non crea problemas nin nos nosos cauces fluviais, nin no noso mar, nin na depuradora e que, ademais, podemos recuperalo para facer un combustible novo", resolveu María García.

A Coruña amplía a 42 os contedores para aceite de cociña usado