19 de Meirás

Derrota dos Franco na causa pola ocupación da Casa Cornide

A Audiencia Provincial desestima a petición da familia Franco, quen solicitaba até 81 anos de cárcere e 24.000€ de indemnización aos 9 activistas da Casa Cornide

“Agardamos que a esta derrota dos Franco  lle sigan máis, como a do Pazo de Meirás, até que todo o patrimonio espoliado polo ditador sexa devolto ao patrimonio público do pobo galego”

Derrota dos Franco na causa pola ocupación da Casa Cornide
19deMeirás 01
19 de Meirás

Galiza, 4 de xuño do 2020.- A Audiencia Provincial da Coruña vén de desestimar o recurso de apelación presentado pola Familia Franco contra as e os 9 activistas que, en setembro do ano 2017, ocuparon na Coruña a coñecida como Casa Cornide, propiedade da familia do ditador.

Nesta petición, os Franco pretendían imputar ás e aos 9 activistas delitos de vulneración de morada e delito de odio, no canto de seren xulgados por delito leve. A petición do Franco sumaba no total para as 9 persoas encausadas 81 anos de cárcere e 24.000€ de indemnización.

A Audiencia Provincial desestimou este recurso, sendo esta decisión firme, pois do texto da faixa non pode desprenderse ningún delito de odio nin tampouco de violación de morada, ao non presentar denuncia a persoa residente na Casa Cornide.

Tras este auto da Audiencia Provincial da Coruña, as e os 9 acusados: Armando Carril, Elvira Branco, Carolina Fernández, Andrés López, Salvador González, Manuel Francisco Méndez, Óscar Calvo e Bieito Lobeira, serán xulgados por delito leve.

 As e os activistas denunciados subliñaron este feito como “unha derrota dos Franco á que agardamos que lle sigan máis, como a do Pazo de Meirás, até que todo o patrimonio espoliado polo ditador sexa devolto ao patrimonio público do pobo galego” explicou Elvira Branco, voceira das e dos denunciados.  

 “É hora de que se faga xustiza. Os privilexios herdados do franquismo deben rematar, as vítimas deste réxime ditatorial deben ser dignificadas e todo o patrimonio roubado ten que ser devolto ao pobo galego” concluíu Elvira Branco. 

Derrota dos Franco na causa pola ocupación da Casa Cornide