XORNADA ABERTA AO PÚBLICO CHEA DE ACTIVIDADES

Ecoloxistas en Acción Coruña bota a andar o sábado 6 de abril

Galicia estará entre as rexións máis afectadas polo cambio climático, segundo as últimas previsións da Axencia Medioambiental Europea. Pero xa está aquí. No que vai de 2019, ardeu máis superficie ca en todo 2018.

Ecoloxistas en Acción Coruña bota a andar o sábado 6 de abril
Ecoloxistas en acción logo
Ecoloxistas en acción

Ademais, os datos institucionais (CES, 2018) confirman que os niveis de desigualdade, precariedade laboral e salarios baixos non teñen sufrido a mellora que sería de esperar nunha situación de recuperación económica. Un 16% de galegas e galegos viven na actualidade por debaixo do limiar da pobreza.

Neste contexto de crise socio-ambiental nace Ecoloxistas en Acción Coruña. A entidade xurde co obxectivo de desenvolver accións fronte ao modelo de produción e consumo capitalista que ameaza gravemente a vida tal e como a coñecemos, ocasionando a extinción de numerosas especies, a aceleración do cambio climático, a xeración insostible de residuos e a baixada no nivel de calidade de vida da poboación actual e futura.

Ecoloxistas en Acción Coruña está formado por un grupo diverso de persoas unidas polo interese de facer cousas a nivel local, a construción de proxectos sustentables que poñan a vida no centro.

Como arrinque da súa actividade, convidan a participar a toda a xente interesada ás 10:30 da mañá no Centro Cívico da Cidade Vella nun Obradoiro gratuíto no que, baixo o título de “Es ecoloxista e...non o sabes” achegaranse ao que é a ecoloxía social da man de Luis Rico (Coordinador Confederal de Ecologistas en Acción). Para participar é preciso inscribirse antes do día 4 de abril no enderezo electrónico [email protected].

Posteriormente a asociación celebrará ás 17:30 no Auditorio da DOMUS a súa Asemblea Constituínte.

Ao remate desta asemblea, na que se explicarán os fins e obxectivos cos que nace a asociación, presentaranse as primeiras liñas de Acción do colectivo, que busca xerar impacto a nivel provincial activamente na denuncia deste sistema depredador da vida dos seres vivos e do planeta.

Ecoloxistas en Acción Coruña bota a andar o sábado 6 de abril