Medra a oposición á universidade privada no país

Convocadas pola Plataforma en defensa da Universidade pública, esta mañá as cidades galegas acolleron mobilizacións en contra da privatización do ensino superior coa que ameazan o PP e Abanca. 
 
Medra a oposición á universidade privada no país
Protesta no campus de Elviña este martes. Fotos BNG Coruña
Protesta no campus de Elviña este martes. Fotos BNG Coruña

“Freemos o avance privatizador”, proclamaban as redes sociais do Grupo Común da Esquerda. Na mobilización celebrada hoxe na Praza do Obradoiro, en Compostela, o deputado do BNG, Xosé Luís Rivas afirmou que a universidade debe estar “ao servizo da sociedade como elemento dinamizador e de cambio social”. Para o nacionalista, o apoio de Feijoo e o Partido Popular á universidade privada de Abanca representa “un duro ataque ao sistema universitario galego” e hai que parar un proxecto, dixo que pon en grave risco a nosa universidade pública. 

Na Coruña, a concentración celebrouse ás portas da Facultade de Informática no campo de Elviña. Como no resto das cidades, a protesta foi secundada por profesores e traballadores da universidade, organizacións estudantís e sindicais e partidos políticos de esquerda. 

Os tres reitores das universidades galegas defenderon as demandas da plataforma. Julio Abalde (UDC), Antonio López (USC) e Manuel Reigosa (UVigo) emitiron un comunicado conxunto para trasladar o seu apoio ás protestas en todos os campus do país e advertiron que “diante da iniciativa privada, cremos que os esforzos dos cidadáns a través dos seus impostos deberían ir dirixidos a fortalecer o actual sistema universitario público".

Comentarios
Medra a oposición á universidade privada no país