Buscar
12:26h. Miércoles, 14 de Noviembre de 2018

Xunta de goberno local

Ferreiro: “A Coruña é unha cidade viva cunha administración local dilixente”

Ferreiro aclarou que as obras para implantar unha pasarela sobre a cuberta de Riazor “non implicarán a paralización das obras no estadio nin causarán prexuízo algún aos e ás afeccionadas”

O primeiro edil manifestou que a reunión con ADIF e Xunta o vindeiro luns na que se analizará a proposta municipal de convenio das obras da Intermodal “servirá para deixar xa sen escusas ao goberno galego e instalo a que redacte e licite o proxecto”

02-11-18 Foto Alcalde
02-11-18 Foto Alcalde

O alcalde, Xulio Ferreiro, salientou este venres que os asuntos aprobados pola Xunta de goberno local deixan ver ás claras que “A Coruña é unha cidade viva, na que hai actividade e xeración económica e que conta cunha administración local dilixente”. Así, destacou que, en tan só 15 días, o Concello tramitou 233 expedientes de licenzas e outros títulos habilitantes. “A pesar do reiterado empeño de determinados grupos da oposición de falar de parálise, as cifras que hoxe ratificou o executivo municipal indican que o departamento de Rexeneración Urbana tramitou, entre outras, 57 licenzas urbanísticas, 91 comunicacións previas á execución de obras, outras 57 comunicacións previas a inicio de negocio ou actividades e 17 expedientes de exercicio de actividades en réxime de declaración responsable”, explicou o rexedor, que recordou que esta información é trasladada á Xunta de goberno de forma periódica atendendo ao compromiso adquirido tras a entrada en vigor da delegación no titular de Rexeneración Urbana da resolución das solicitudes de licenza cuxo orzamento de execución material sexa inferior a 1,2 millóns de euros, “e dentro da aposta pola transparencia na xestión”.

“Pero, ademais, a Xunta de goberno local tamén concedeu a unha empresa a licenza solicitada para construír un edificio na rúa Marques de Amboage que constará de 24 vivendas, garaxes e trasteiros e que conta un orzamento previsto de 2,5 millóns de euros, motivo polo que debe ser aprobado de forma expresa por este órgano”, apuntou. A compañía, segundo a licenza aprobada, terá 6 meses para iniciar a obra, e outros 36 para executala.

Por outro lado, a Xunta de goberno local deste venres tamén deu luz verde á incorporación ao inventario municipal do dereito de uso dun espazo de 3.000 metros cadrados da antiga Fábrica de Tábacos, logo da recepción do mesmo o pasado setembro e en base ao convenio establecido coa Xunta de Galicia. O inmoble está destinado a albergar e unificar dependencias municipais da Concellería de Rexeneración Urbana.

Dentro do ámbito da Rexeneración Urbana, o executivo municipal tamén deu luz verde ao inicio do procedemento de licitación necesario para adxudicar unhas obras por valor de 140.000 euros destinadas a mellorar a situación nas que se atopa o grupo municipal de vivendas do Carme. A actuación consiste na reforma das seis salas de caldeiras de produción centralizada de auga quente.

Subministro de enerxía eléctrica

Noutra orde de asuntos e dentro do empeño do goberno local por facer da Coruña unha cidade máis sostible e respectuosa co medio ambiente, o goberno municipal autorizou o gasto de case 7 millóns de euros para a contratación do subministro de enerxía eléctrica renovable de baixa e media tensión, así como deu luz verde ao expediente de contratación polo de que se iniciará o procedemento de licitación e adxudicación correspondente. O primeiro edil indicou que “a principal novidades destes pregos radica na esixencia de que o 100% da enerxía que se contrate sexa certificada como renovable”. Do mesmo xeito, puxo en valor o traballo que se desenvolveu ao longo de toda este mandato para reducir o consumo eléctrico que se reduciu, por exemplo, coa implantación de alumeado LED de baixo consumo e alta eficiencia. Mediante esta licitación contratarase todo o subministro eléctrico municipal, dende o dos edificios administrativos até os consumos de semáforos, lumieiras ou bombeos.

Por outro lado, o alcalde destacou que o traballo de revisión das concesións municipais no ámbito da Mobilidade levou ao goberno local a aprobar o inicio do expediente da resolución do contrato de concesión da explotación dos aparcamentos subterráneos situados na praza de María Pita, Maestro Mateo, San Cristóbal e praza de Galicia que serán remunicipalizados e xestionados a través de EMVSA. A explotación destes aparcadoiros foi concedida a unha empresa privada en 1986 por 46 anos que comezarían a contar a partir da recepción das obras. Ferreiro comentou que o Concello inicia este expediente amparándose nunha infracción tipificada de gravísima no regulamento de servizos das corporacións locais que vén determinada pola “ruptura da prestación do servizo”, que foi asumido polas comunidades de cesionarios, a desatención das obrigas do concesionario para coas persoas usuarias e o incumprimento das condicións de prestación de servizo. Ademais disto, e segundo os rexistros municipais, ante a falta de abono do canon establecido ao Concello durante varios exercicios.

No que atinxe ao eido social, a Xunta de goberno local tamén aprobou a tramitación anticipada da convocatoria específica para a concesión de subvencións destinadas a actividades de interese social en materia de Igualdade e Diversidade. Estas axudas están dotadas dun montante de 150.000 para outorgar axudas destinadas tanto para o mantemento das entidades sociais que desenvolven este traballo na cidade, como para a realización das propias actividades. Ademais, e a proposta da Concellería de Xustiza Social, tamén se acordou conceder á Fundación Adcor unha subvención de 61.000 euros, que se fará efectiva mediante a firma dun convenio, e que está destinada á realización dun servizo de formación para o emprego e o tránsito á vida adulta de persoas con discapacidade psíquica.

Riazor

Tamén se aprobou o inicio, con carácter de urxencia, do expediente de modificación do contrato comprendido para a reforma e conservación das cubertas do estadio de Riazor a tenor dun requirimento de inspección de traballo que solicitou que o proxecto contemple tamén unha pasarela metálica sobre a cuberta para dar maior seguridade aos e ás usuarias que fagan labores de mantemento. O goberno local xa ten redactado nestes momentos o proxecto para a construción da citada pasarela, que ten un orzamento estimado de 210.000 euros e que se espera aprobar contra a vindeira semana, de forma que exista unha continuidade das obras no estadio. A este respecto, o responsable municipal quixo facer un chamamento á tranquilidade. “O que facemos é incorporar un novo elemento á obra que aportará aínda maiores garantías de seguridade. Este feito, supón a suspensión dunha parte do contrato pero se trata dun trámite meramente formal. As obras van a continuar co seu ritmo de desenvolvemento habitual. A obra da pasarela iniciarase en canto aprobemos o proxecto, cousa que esperamos sexa rápido”, explicou o alcalde que puntualizou que “esta actuación extra non conlevará afección algunha para os e as usuarias do estadio”. “Os partidos seguirán a desenvolverse de forma habitual, esta obra non condicionará en ningún caso o remate das cubertas e tampouco implicará ningún cambio de ubicación para os e as seguidoras do Deportivo”, subliñou.

Entre outros acordos acadados, e tal e como xa adiantara no seu momento, a reunión do goberno local acordou formular unha proposta favorable á revisión de oficio da resolución de autorización dos contratos de compravenda dos inmobles da rúa Santander e Barrera adquiridos dentro do Concurso de Adquisición de Vivenda ao entender que concorren en causa de nulidade. Do mesmo xeito tamén se acordou remitir o expediente de revisión de oficio ao Consello Consultivo de Galicia para que emita o seu ditame perceptivo, que será acatado polo Concello.

Intermodal

Por outro lado, e preguntado polos medios de comunicación, o alcalde referiuse á xuntanza que o Concello manterá este luns en Madrid con representantes de ADIF (o Administrador de Infraestruturas Ferroviarias, dependente de Fomento) e a Xunta de Galicia a respecto do avance do proxecto da Intermodal. Está previsto que na xuntanza se analice o borrador de convenio elaborado polo goberno local.

“A proposta de convenio que levamos trata de contemplar o que se pactou no seu momento entre as tres administracións implicadas. Non obstante, existen cuestións aínda indeterminadas, porque non coñecemos as contías nin o proxecto, que compete á Xunta”, dixo. “É difícil elaborar unha proposta de convenio cando non coñecemos o proxecto e cando non sabemos de que contías estamos a falar. Non obstante, decidimos remitir unha proposta de convenio para que se acaben as escusas e o goberno autonómico se poña a traballar xa nesta infraestrutura básica para toda a área metropolitana”, comentou. “O ano pasado a Xunta de Galicia quedou en redactar e licitar o proxecto da Intermodal e aínda estamos esperando. Penso que neste asunto, a conselleira de Infraestruturas tomou a decisión política de priorizar outras estacións intermodais por enriba da de Coruña e agora está facendo esforzos para eximirse da responsabilidade das súas decisións”, opinou o rexedor. “Antes a escusa era que a Intermodal coruñesa non podía optar a fondos europeos xa, cousa que sabemos que non é certo. Agora o problema é o convenio. Ben, coa entrega do noso borrador xa non quedan máis desculpas aínda que, iso si, quero indicar que no pasado, aquí, na Coruña, xa se licitou un proxecto básico sen convenio, do mesmo xeito que a falla de convenio non foi óbice en Ourense para poder licitar o proxecto”, recordou.