PARA “EXPORTAR” O COÑECEMENTO DA EXPERIENCIA PIONEIRA DE CREACIÓN DUNHA AXENDA URBANA DA CORUÑA QUE IMPULSA O GOBERNO LOCAL

Ferreiro explora coa UE vías de colaboración

O alcalde mantivo reunións esta mañá en Bruxelas con representantes da Dirección Xeral de Política Rexional e Urbana da Comisión Europea e do Comité de Rexións

Ferreiro explora coa UE vías de colaboración
O Alcalde, Xulio Ferreiro, en Bruxelas
O Alcalde, Xulio Ferreiro, en Bruxelas

A Coruña, 19 de marzo de 2019.- O alcalde, Xulio Ferreiro, presentou esta mañá en Bruxelas, ante diferentes oficinas da Unión Europea, o proceso, tanto interno como de colaboracións, no que está inmerso o Goberno local para a creación dunha axenda urbana propia, denominada Coruña Próxima 2030, co obxectivo de “explorar vías de colaboración entre o goberno local e a UE para a difusión a outras cidades europeas deste mecanismo de planificación que contribúe a acadar os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) e no que A Coruña é pioneira”.

Ferreiro mantivo reunións co director xeral adxunto da Dirección Xeral de Política Rexional e Urbana da Comisión Europea, Normunds Popens, e coa representante do Comité das Rexións da Unión Europea Audrey Parizel, ante quen presentou o estado de creación da axenda urbana na cidade e a folla de ruta marcada polo Goberno municipal.

Ferreiro salientou que o proceso de creación da axenda urbana do Concello “está a contar con diferentes colaboracións, con referentes a diferentes escalas, que axudan a confeccionar e a aterrar a mellor solución para as características da cidade”. Así, nomeou a institucións como a Universidade da Coruña ou o Eixo Atlántico, ente do que A Coruña forma parte e que está a elaborar a primeira axenda urbana dunha eurorrexión, e outras como o Ministerio de Fomento ou a Oficina Hábitat da ONU, coas que o Concello da Coruña acordou colaboracións para “exportar o coñecemento xerado e servir como referencia a outras cidades”. “A experiencia da Coruña serve de proxecto piloto ao Goberno do Estado e á ONU para xerar e transmitir un coñecemento técnico esencial a outras cidades, para dar o salto do documento estratéxico á práctica. Por iso, a nosa axenda urbana atrae tamén a atención da Unión Europea, que ve que A Coruña e o traballo que xa temos realizado poden ser nun exemplo dentro da Unión Europea a empregar tamén para ampliar a extensión e a difusión da axenda urbana”, explica.

O alcalde fai fincapé na relevancia que os organismos europeos están a outorgar ás axendas locais na planificación para as áreas urbanas e a distribución de fondos estruturais, “no que acada gran relevancia coñecer a aplicación real deste instrumento, en especial da axenda urbana española, para que o traslado do papel á práctica se faga da maneira máis eficaz posible”.

A Coruña está inmersa na primeira das fases para a creación dunha axenda urbana local, que consta de catro estadios. Tal e como indicou o rexedor, o Goberno local está a elaborar un diagnóstico da situación do municipio para poder contar coa información precisa que permita abordar os seguintes pasos. “Este contido será a base do Plan de Acción Local específico, a medida das necesidades do municipio e cos ODS como obxectivos, que elaboraremos na segunda fase e que se iniciará a mediados deste ano”, apunta. Estas fases son fundamentais, como explica Ferreiro, para recabar o pensamento estratéxico disperso que se dá no Concello e para que o Goberno local poida dotarase dun sistema de indicadores cos que facer seguimento dos seus obxectivos. Con isto en marcha, o seguinte chanzo consiste na tradución dese plan en investimentos concretos que se plasmarán nos orzamentos para 2020, os primeiros deseñados en sintonía coa axenda urbana. Por último, levarase a cabo o desenvolvemento completo do plan de acción, que comprenderá o período 2020-2027. O seguimento deste proceso pódese facer no portal web www.coruna.gal/axendaurbana.

Comentarios
Ferreiro explora coa UE vías de colaboración