MEMORIA HISTÓRICA

Francisco Jorquera: “No vindeiro pleno, presentaremos unha iniciativa para recuperar a Casa Cornide"

O BNG celebra a demanda da Avogacía do Estado á familia Franco pola venda fraudulenta do Pazo de Meirás, unha demanda que non sería posíbel sen o traballo da Deputación da Coruña, coa nacionalista Goretti Sanmartín Rei á fronte, sen os colectivos de memoria histórica , sen os activistas do 19 de Meirás, e sen o traballo de investigación de Carlos Babío e Manuel P. Lorenzo

Francisco Jorquera: “No vindeiro pleno, presentaremos unha iniciativa para recuperar a Casa Cornide"
20190715_rolda_casa_cornide_1
20190715_rolda_casa_cornide_1

A Coruña, 15 de xullo de 2019. O voceiro do BNG no Concello da Coruña, Francisco Jorquera, e a concelleira nacionalista, Avia Veira, anunciaron esta mañá en rolda de prensa que no vindeiro pleno ordinario presentarán unha iniciativa para que o Concello da Coruña inicie accións legais co fin de recuperar a Casa Cornide, do mesmo xeito que está a facer a Avogacía do Estado co Pazo de Meirás.

“O BNG celebra a demanda da Avogacía do Estado á familia Franco pola venda fraudulenta do Pazo de Meirás: unha demanda que non sería posíbel sen o traballo da Deputación da Coruña, coa nacionalista Goretti Sanmartín Rei á fronte, sen os colectivos de memoria histórica, sen os activistas do 19 de Meirás, e sen o traballo de investigación de Carlos Babío e Manuel P. Lorenzo”, sinalou o voceiro nacionalista, Francisco Jorquera.

Pola súa banda, Avia Veira sinalou que o caso da Casa Cornide está aínda máis claro porque a poxa estivo claramente amañada e porque o inmóbel era propiedade pública até 1962. A concelleira sinalou que a poxa estaba orquestrada para encubrir o que na práctica foi unha adxudicación directa á familia Franco dun ben público, como así se demostra no libro Meirás. Un pazo, un caudillo, un espolio, de Carlos Babío e Manuel P. Lorenzo.

 “É a propia carta que lle envía o secretario persoal de Francisco Franco, Ricardo Catoira, a Juan Sánchez-Cortés y Dávila, subsecretario de Facenda onde se detallan os movementos que as Administracións públicas tiveron que facer para cumprir o capricho da esposa de Francisco Franco de obter un inmóbel no centro da cidade encubrindo unha adxudicación directa dun ben público. O que aconteceu foi un espolio ao pobo da Coruña, queremos que a Casa Cornide volva a patrimonio público, de onde nunca debeu saír”, concluiu Jorquera.

Desde o BNG sinalan que esta non é a primeira vez que realizan iniciativas a respecto da devolución da Casa Cornide ao pobo da Coruña, xa que no pasado mandato foron aprobadas dúas mocións en Pleno onde se solicitaba precisamente que se tomasen decisións para a recuperación deste ben que fora propiedade municipal e, en cumprimento dunha delas, o Consello da Memoria Democrática acordou encargar un informe xurídico. A formación nacionalista argumenta que o novo escenario provocado pola demanda da Avogacía do Estado obriga a que o Concello da Coruña actúe xudicialmente para recuperar o inmóbel da rúa Donas.

Comentarios
Francisco Jorquera: “No vindeiro pleno, presentaremos unha iniciativa para recuperar a Casa Cornide"