Mobilidade

O Goberno local avanza cambios nas liñas 21 e 11 do bus urbano

O concelleiro Juan Díaz Villoslada adiantou novidades en materia de mobilidade, como a operatividade da app para as persoas usuarias da Tarxeta Millennium neste semestre do ano, a implantación dun carril 30 na rolda de Outeiro e o estudo técnico de cara a lle reservar unha plataforma en Juan Flórez ao tranporte público
O Goberno local avanza cambios nas liñas 21 e 11 do bus urbano
liñas dos buses 21 e 11
liñas dos buses 21 e 11
A Coruña, 14 de xaneiro de 2021.- O Goberno local anunciou hoxe no Pleno que efectuará cambios importantes nas liñas do bus urbano e, tal como o demandou a asociación de veciños de Novo Mesoiro, modificará a ruta do 21; e realizará unha mellora na do 11, que consistirá nunha modalidade "exprés", que diminuirá os tempos de espera. Ademais, o concelleiro Juan Díaz Villoslada asegurou que desde Mobilidade están en fase de probas para instalar un carril 30 na rolda de Outeiro, nesa idea de cidade que ten o Goberno de Inés Rey, en que "apostamos pola redución da velocidade, polo transporte público e mais pola creación de espazos peonís que favorezan o tránsito a pé". Pola súa parte, o edil tamén manifestou que o cambio á plataforma tecnolóxica que lles dará cobertura ás persoas usuarias da Tarxeta Millennium estará operativo no primeiro semestre de ano e que están desenvolvendo os estudos técnicos correspondentes para que o transporte público dispoña dunha plataforma única en Juan Flórez. Asemade, Villoslada recordou que neste ano mellorouse a accesibilidade de 14 paradas de bus.

Ademais, o concelleiro sinalou durante a sesión plenaria a necesidade de crear un único transporte metropolitano e reiterou a intención deste Goberno de fomentar unha mobilidade urbana máis sustentable logo da subscrición hai meses da declaración institucional que así o manifesta. Afirmou que non se pode xestionar o transporte atendendo a límites municipais e recordou que o Concello lle suxeriu á Xunta cambiar o novo convenio de cara a crear un único corpo: "Esperamos que cumpra ese compromiso adquirido coa cidade porque iso suporá mellorar o futuro non só do transporte en autobús, senón tamén de fórmulas alternativas de mobilidade na Coruña e na súa área metropolitana". O edil insistiu en que agarda que o Goberno autonómico afronte eses compromisos e dixo non entender a oposición do PP a esta cuestión no Pleno de hoxe.

O edil explicou que, se ben é certo que a pandemia lle asestou un duro impacto ao transporte público, o grande esforzo que están realizando a Compañía de Tranvías e o persoal traballador dos autobuses urbanos e do colectivo de taxis fai que ambos os servizos lles sigan garantindo seguridade e confianza ás persoas que se desprazan nestes medios.

A pesar da caída do 41,6% nas viaxes en bus urbano durante o 2020 debido á crise sanitaria, "acabamos de facer máis accesibles 14 paradas de bus desde a avenida de Gran Canaria a Novo Mesoiro e estamos ultimando os traballos técnicos para modificar a liña 11 e a plataforma reservada para o transporte público en Juan Flórez". A mellora das paradas radica na construción de plataformas seguras que lles permiten ás viaxeiras e viaxeiros subiren e apeárense do bus sen realizaren grandes esforzos. Ampliáronse tamén os espazos das marquesiñas e aumentouse a súa visibilidade. Neste aspecto, o concelleiro indicou que a seguridade da cidadanía é unha prioridade do Goberno de Inés Rey, que non quere que ninguén quede atrás nin que nos barrios haxa barreiras arquitectónicas que impidan a mobilidade das veciñas e dos veciños.

Comentarios
O Goberno local avanza cambios nas liñas 21 e 11 do bus urbano