PLENO MUNICIPAL

O goberno local cumpre coas modificacións urbanísticas para garantir a construción da Estación Intermodal

A nova reordenación permitirá dotar o barrio dos Mallos de mellores servizos e espazos de calidade urbana
O goberno local cumpre coas modificacións urbanísticas para garantir a construción da Estación Intermodal
Pleno 4 de xuño
Pleno 4 de xuño
A Coruña, 4 de xuño de 2020.- A Corporación aprobou hoxe de maneira inicial unha modificación puntual no Plan xeral de ordenación municipal (PXOM) que garante a construción dos accesos á Estación Intermodal a través da avenida da Sardiñeira. Trátase, explicou o concelleiro de Urbanismo, Juan Díaz Villoslada, do desenvolvemento do polígono 0-29 no ámbito da Sardiñeira, onde se situarán os accesos de vehículos e viandantes á estación.

Villoslada asegurou que, con esta segunda modificación urbanística, o Goberno local cumpre a súa parte no proxecto da Intermodal e dá un paso determinante para licitar unha infraestrutura vital no futuro da Coruña. O concelleiro sinalou que con este cambio se contribuirá ademais a mellorar a zona e gañar espazos urbanos de calidade nunha zona onde aínda "quedan moitos deberes por facer". A nova reordenación de volumes, edificacións e espazos públicos servirá para conectar o barrio dos Mallos, unha zona de alta densidade de poboación, coa avenida da Sardiñeira e dotar a zona de novos servizos. Ademais, está previsto reservar o 40% da nova edificación para vivendas de protección oficial.

O polígono, que xa se detallou no Plan xeral, tivo que modificarse para adaptalo ao proxecto da nova estación de autobuses e aos accesos á Intermodal, e foi fundamental o viario que comunicará a avenida da Sardiñeira coa avenida de Arteixo, que contará con zonas verdes, rotondas e un carril bici. Tamén está prevista a reforma da avenida do Ferrocarril para facilitar a entrada á estación de San Cristovo. Neste senso, o concello ten previsto licitar antes de final de ano os accesos pola avenida do Ferrocarril para o que xa está case ultimado o convenio que establece as obrigas das tres administracións: Adif, Xunta e Concello.

Medio Ambiente

O Pleno tamén acordou por unanimidade a adhesión da Coruña ao Pacto de alcaldes polo clima e a enerxía. Deste xeito, o concello renovará o seu acordo e comprometerase a reducir as emisións de CO2 na cidade nun 40% ata como mínimo o ano 2030, a través da mellora da eficiencia enerxética, e a un maior uso de fontes de enerxía renovables. Ademais, adoptaranse medidas para loitar contra o cambio climático. Segundo a concelleira de Medio Ambiente, Esther Fontán, "O Goberno local realizará un inventario de emisións de referencia e unha avaliación de riscos derivados do cambio climático". Ademais, presentará, no prazo de dous anos, un Plan de acción para o clima e a enerxía sostible da Coruña no que se abordarán, entre outras cuestións, a problemática da mobilidade, a enerxía, o residuo cero, a economía circular, a protección á diversidade e a propia actividade municipal co obxectivo de lograr reducir as emisións.

Mentres o Goberno local poñerá en marcha o operador enerxético municipal, unha mobilidade alternativa e máis infraestruturas verdes. Tamén impulsará a creación dunha área metropolitana, a alimentación de proximidade, e a estratexia cero, entre outras. Fontán lembrou que é necesario afondar nos nosos compromisos co planeta e que a crise da COVID-19 reforzou a necesidade de adoptar medidas para loitar contra o cambio climático. "O confinamento fixo que o planeta respirase e demostrou que o home é o verdadeiro problema do planeta", dixo.

Urbanismo

Tamén se aprobou, coa abstención do BNG e Marea Atlántica, a modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal no ámbito do polígono P39 "Peñarredonda1A". Esta modificación urbanística vén imposta por unha sentenza firme do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e obriga o Concello a cambiar no plan de ordenación a clasificación de varios terreos. Villoslada explicou que a modificación supón suprimir o viario que estaba previsto, e para compensar a súa eliminación manteranse o resto das propostas viarias con novas aliñacións nos camiños públicos da zona que garantan a accesibilidade, aumentarase o número de prazas de aparcamento e melloraranse as infraestruturas.

Por outra banda, todos os grupos municipais votaron a favor, agás a Marea Atlántica que se abstivo, de ampliar as  instalacións da Fundación ADCOR que ten como fin atender a demanda de prazas de persoas con diversidade funcional. Villoslada expresou a súa sorpresa pola decisión da Marea de absterse e cualificou de "distopía" a súa decisión de illarse, e de "inaceptables e incompresibles" as súas declaracións sobre o trato recibido po parte do Goberno local.

Mobilidade

 Tamén houbo unanimidade na adhesión do concello á Rede de Cidades que Camiñan, unha asociación aberta a concellos e outras administracións públicas comprometidas coa mobilidade peonil e co obxectivo de que as e os viandantes teñan o protagonismo da mobilidade urbana e do espazo público. Os principios propios da rede son: a mobilidade de base peonil, o dereito ao espazo público, o deseño urbano camiñable, a seguridade viaria cun enfoque peonil, a alianza sostible, a visión global, a cidade inclusiva, a autonomía infantil e o medio ambiente urbano saudable.

O concelleiro de Urbanismo, Juan Díaz Villoslada, anunciou que neste semestre realizarase unha sesión plenaria da Mesa pola Mobilidade para abordar unha nova ordenanza xeral da mobilidade sostible da Coruña. Lembrou que o concello está a traballar neste tipo de medidas desde o comezo da lexislatura e, polo de agora, xa se aprobou o Plan de mobilidade "Coruña Camiña", a iniciativa de "Cidade 30", a regulación dos VMP e os primeiros tramos da rolda peonil xa están en activo desde hai semanas. "É esencial recuperar os espazos públicos para as persoas, calmar o tráfico e seguir apostando pola mobilidade sostible", dixo.

Comentarios
O goberno local cumpre coas modificacións urbanísticas para garantir a construción da Estación Intermodal