"Para protexer o núcleo e darlle seguridade xurídica ao polígono"

O goberno local impulsa unha modificación do PXOM que excluirá San Vicente de Elviña do ámbito do Ofimático

O concelleiro Xiao Varela explicou a folla de ruta para avanzar na urbanización do polígono, que pasa tamén por unha modificación do proxecto de urbanización para acometer por fases as obras que restan

O goberno local impulsa unha modificación do PXOM que excluirá San Vicente de Elviña do ámbito do Ofimático
Xiao Varela
Xiao Varela, Concelleiro de Rexeneración Urbana

Concello da Coruña | 281282017

O concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela, avanzou este martes os pasos que dará o Concello para seguir avanzando na urbanización do Parque Ofimático, "para poder resolver os problemas que afectan tanto a pequenos como a grandes propietarios e a Xestur, e dar fin ao drama urbanístico que supuxo o desenvolvemento deste polígono, sempre desde a perspectiva de poder facer habitable o barrio". Para iso, e segundo anunciou, o goberno local impulsará unha modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) coa finalidade de excluír do ámbito a totalidade dos terreos situados entre a avenida de Alfonso Molina e a Universidade e o núcleo de Elviña, na marxe dereita da avenida. "Estamos a punto de dar un paso importante", subliñou o responsable municipal, que indicou que este cambio do PXOM ten como "finalidade clara" poder concluír a zona residencial do Ofimático, e, ao mesmo tempo, excluír e desafectar a parte do núcleo de San Vicente de Elviña afectada polo plan do Ofimático. "Este goberno reinvindicou desde o inicio a posta en valor e protección dos núcleos rurubanos, como é o de Elviña, que quedará excluído do plan parcial do Ofimático unha vez se complete o proceso de modificación, sen que isto afecte ás obras de urbanización na zona residencial do polígono", fixo notar Varela, que considerou ademais  necesario "dotar de seguridade xurídica o sector", e dar solución a cuestións que están sometidas a procedementos xudiciais -dous contenciosos, que se atopan suspendidos neste momento, e que se suman a un terceiro, recentemente desestimado polo Tribunal Superior de Xustiza  de Galicia- relativos ao proxecto de urbanización do barrio.

O concelleiro de Rexeneración Urbana deu conta hoxe desta folla de ruta do goberno local na comisión de seguimento do Ofimático -na que están presentes representantes de Xestur e das principais promotoras-, que tamén prevé unha modificación do proxecto de urbanización, para retirar, por unha banda, aquelas actuacións que xa se fixeron ou están a punto de finalizarse e, por outra, para establecer unha serie de fases que permitan acometer o que resta de urbanización de forma ordenada. "Consideramos necesario rematar a urbanización da zona residencial do polígono e por iso introducirase un plan de etapas realistas no desenvolvemento futuro, que foi unha demanda histórica e un dos problemas que tivemos no anterior contrato", sinalou Varela, indicando que o groso dos traballos que faltan na parte residencial teñen que ver coas zonas verdes e co mobiliario e coa execución do vial a carón de Matogrande, "que é o que permitirá dar condición de soar ás tres parcelas que faltan por tela".

Segundo observou o concelleiro, esa "adaptación" do proxecto de urbanización e a modificación do Plan Xeral se farán de forma simultánea, de maneira que unha vez se culmine o cambio de planeamento, as obras na parte residencial estean rematadas e sexa posible licitar a última fase da urbanización, que neste momento queda suspendida.

Como fase previa a estas modificacións, que se porán en marcha de forma inminente, o Concello debe recibir, en canto estean rematadas, as obras da separata do proxecto, que inclúe aqueles traballos imprescindibles para poder outorgar as primeiras licenzas de primeira ocupación. Estas están, segundo confirmou, "a piques de concluírse", a falta de que Fenosa realice tamén os traballos necesarios, e "servirán para dar condición de soar e por tanto, posibilidade edificatoria, ao 90% das parcelas  do ámbito". A este respecto, lembrou que ata a esta data unha única cooperativa -A Carnocha- presentou ao Concello a documentación para solicitar as licenzas de primeira ocupación, que xa foi analizada polo persoal técnico municipal, "de xeito que as licenzas poderán darse unha vez que a parcela teña condición de soar e dispoña dos servizos básicos".

Antecedentes

O concelleiro aludiu, na súa comparecencia ante os medios esta mañá, a cuestións como o proxecto para a remodelación da avenida de Alfonso Molina, "que ten unha repercusión moi forte sobre o sector do Ofimático, e que obriga a adaptar o PXOM, dadas as afeccións que ten este proxecto, que se sobrepón ao planeamento municipal". Nese sentido, advertiu da "discontinuidade" que a reforma da Vedra provoca no ámbito do Ofimático, unha vez que Fomento desbota, tal e como propoñía o goberno local, o viaduto sobre Alfonso Molina que se contemplaba na proposta inicial, e que daba conexión ás dúas beiras da avenida e ás dúas partes do sector do Ofimático. "Nós propuxemos retiralo porque entendiamos que tiña unha afección moi importante sobre o núcleo de Elviña, tendo en conta que chegaba a medir nove metros de altura, moi preto  ademais dun Ben de Interese Cultural, como é a igrexa", recordou o edil, quen se referiu tamén ao traslado da pasarela peonil e ciclable plantexada polo goberno coruñés, e que se recolle no proxecto de Alfonso Molina como solución alternativa ao viaduto, "que Fomento reubica, situándoa fóra do ámbito do Parque Ofimático", de xeito que xa nada conecta o ámbito nas dúas marxes da avenida. "Parecenos un tema importante, ao que había que buscar solución", destacou.

O goberno local impulsa unha modificación do PXOM que excluirá San Vicente de Elviña do ámbito do Ofimático