CONCELLO DA CORUÑA | MAREA ATLÁNTICA | NOTA DE PRENSA

O goberno municipal dá un paso atrás en participación cidadá e anula os encontros Dillo Ti

Desde o Pleno, o grupo municipal da Marea Atlántica propón un concurso para dotar ao Festival Noroeste dunha dirección profesionalizada

PSOE e Ciudadanos suman votos para rexeitar unha moción que presentamos en nome da Alianza pola Emerxencia Climática

O goberno municipal dá un paso atrás en participación cidadá e anula os encontros Dillo Ti
A Marea entrando no pleno
A Marea entrando no pleno
A Coruña, 12 de setembro de 2019.- O goberno municipal da Coruña recoñeceu, en resposta a unha pregunta oral da Marea Atlántica no Pleno Ordinario do mes de setembro, que non vai seguir celebrando os encontros cidadáns Dillo Ti. Como sinalou a concelleira Claudia Delso, é “un paso atrás nas políticas participativas que converteron á Coruña nunha referencia no mandato anterior”.

Desde 2016, un sábado ao mes, o alcalde Xulio Ferreiro e todo o goberno municipal acudían a un centro cívico da cidade para dar a cara ante a veciñanza e responder ás súas preguntas sen intermediarios. Celebráronse máis de 25 encontros.

É unha mágoa que o PSOE da Coruña teña medo a este tipo de participación cidadá, “agardamos que cumpran os seus compromisos e non comecen a desmantelar tamén outras canles como os Orzamentos Participativos ou o Escano Cidadán, sinalou Claudia Delso.

Os procesos participados foron unha constante no mandato anterior, e deron os seus froitos. “Levamos a participación cidadá a todos os eidos, desde o deseño da que será a gran Coruña metropolitana ata a renovación do patio do colexio Sanjurjo de Carricarte; desde a localización das hortas urbanas ao deseño dos contratos de recollida de lixo e limpeza das rúas; e desde a definición de usos das Naves do Metrosidero ata o futuro do Porto da Coruña”, lembrou Claudia Delso.

Unha dirección profesionalizada para o Noroeste

O covoceiro municipal da Marea Atlántica, Iago Martínez, lanzou hoxe no Pleno do Concello unha proposta para garantir a continuidade e mellora do Festival Noroeste: “convocar canto antes un concurso público para dotalo dunha dirección artística profesionalizada, e que o fagan contando co noso apoio e co de quen máis sabe, que son os profesionais e as profesionais do sector e as asociacións que os representan”.

Durante o debate dun modificativo de crédito para o IMCE, necesario para cadrar as contas pola falta de Orzamentos para este ano, Martínez lembrou que “este novo Noroeste tense convertido nunha referencia en todo o Estado, grazas ao traballo de ducias de persoas, algunhas das cales son traballadoras municipais, pero outras son artistas, asociacións e profesionais”. Por iso, sinalou que “o camiño para melloralo non é mermar a diversidade de escenarios e estilos musicais, senón consolidalo e profesionalizalo”.

Lamentablemente, o goberno municipal deixou esta oferta sen resposta, pero continuaremos a insistir nela.

Negacionismo do cambio climático

Neste Pleno ordinario do mes de setembro, a Marea Atlántica defendeu tres mocións orientadas á defensa do ben común en distintos eidos, dúas das cales foron aprobadas pola maioría do consistorio.

Sorprendentemente, a única moción rexeitada foi a que presentamos a petición dos case 50 colectivos que forman a Alianza pola Emerxencia Climática (Amigos da Terra, ATTAC, CGT, Ecoloxistas en Acción, Adega, Greenpeace, Rede Ecofeminista, SEO Birdlife, USO ou WWF, entre outras) que se está a debater en varias cidades do Estado. Pedían o recoñecemento da grave crise ecolóxica que supón o cambio climático e que pon en grave perigo ao planeta e os seus ecosistemas, e o impulso de medidas que reduzan a emisión de gases de efecto invernadoiro.

O PSOE e C’s votaron en contra desta proposta, co único argumento de que “non afecta ao ámbito local”. Unha cegueira que leva ao negacionismo do cambio climático e que resulta absurda. A cidade da Coruña non se vai mover do planeta Terra e, como sinalou María Garcia, “a comunidade científica leva tempo advertindo de que nos achegamos a un punto de non retorno. Hai que actuar xa”.

Mocións aprobadas

A primeira das nosas mocións conseguiu que o Concello da Coruña se sumase á xornada de #EmerxenciaFeminista declarada polos movementos sociais para o vindeiro 20 de setembro, despois dun verán negro marcado pola violencia machista. Só no mes de xullo unha muller foi asasinada cada dous días. O mesmo pleno de hoxe comezou con 19 minutos de silencio, tantos como feminicidios cometidos desde o anterior. A moción foi aprobada coa única abstención de Ciudadanos, e insta a o goberno municipal a iluminar de violeta o Concello na noite do 20S e a apoiar a convocatoria que o movemento feminista convoca ese mesmo día, ás 20.30, no Obelisco.

Doutra banda, o grupo municipal da Marea Atlántica solicitou que siga adiante o proceso de remunicipalización de toda a Rede de Bibliotecas Municipais da Coruña, iniciado no anterior mandato. Foi aprobada cunha emenda do PSOE, que sumou o texto do seu acordo político co BNG, sumando así unha maioría de progreso para apoiar a moción. Gañouse un compromiso de defender os postos de traballo e completar a recuperación das bibliotecas, un orgullo para a cidade, antes de que remate este mandato. Desde a dereita, PP e Ciudadanos, rexeitouse a proposta de facerlle fronte ás leis de austeridade. Ningunha sorpresa.

O Pleno deixou unha boa nova en forma de compromiso renovado coa recuperación do bordo litoral da Coruña e a súa integración na cidade. A través do diálogo, e recollendo os avances do mandato anterior, emendouse unha moción partidista do PP para engadir a condonación da débeda, a xestión dos terreos a través dun ente público, o financiamento da conexión ferroviaria ao porto exterior e a creación dunha comisión especial no Concello. Así puido ser aprobada por unanimidade.

55 persoas seguen sen cobrar a Renda Social Municipal

A quenda de preguntas orais serviu para recoñecer que 35 persoas en xullo e 55 en agosto sufriron e están a sufrir atrasos no cobro da Renda Social Municipal, a pesar de que o goberno municipal estaba informado de que era necesario aumentar os fondos dispoñibles, algo que non foron quen de facer en tres meses “Estas son as consecuencias de bloquear uns orzamentos por motivos electoralistas. Non busquen escusas, busquen solucións”, sinalou María García.

Finalmente, Iago Martínez preguntou polo grao de cumprimento dos acordos asinados entre a Marea Atlántica e o PSOE da Coruña no mes de xullo, nos que non se percibe aínda ningún avance. En resposta, o voceiro do goberno municipal, José Manuel Lage, comprometeuse a reunir nos vindeiros días a comisión de seguimento do pacto e a amosar os primeiros avances en outubro. Trátase de cuestións tan importantes como A gratuidade das escolas infantís, un operador enerxético 100% municipal ou a constitución da Área Metropolitana.

Herdanzas positivas, herdanzas negativas

No Pleno celebrado hoxe, aprobáronse dous asuntos tramitados no anterior mandato, que son unha boa mostra da herdanza que deixou o goberno da Marea Atlántica. Trátase do cambio de usos e do estudo de detalle necesarios para iniciar as obras do mercado de Monte Alto, cun proxecto deseñado polo goberno anterior a partir dun concurso de ideas no que participaron máis de 70 persoas. Como sinalou Xiao Varela, "é unha aposta pola proximidade fronte aos centros comerciais, unha reforma que mellorará o espazo público e a escola infantil".

Tamén foi aprobada a renovación do Regulamento Orgánico da Policía Local, pendente desde 2007, unha actualización necesaria que foi desenvolvida cun alto grao de consenso pola concelleira Rocío Fraga.

Pola contra, á sesión chegou outro tipo de herdanza, a da desprotección do Patrimonio. Xiao Varela pediu a retirada do primeiro asunto debatido esta mañá, a rebaixa da protección urbanística do edificio situado no número 27 do Cantón Pequeno, por non contar co obrigado informe da dirección xeral de Patrimonio da Xunta. Ante a negativa do goberno municipal, as concelleiras da Marea Atlántica abstivéronse.

Este asunto chega en cumprimento dunha sentenza xudicial, pero supón a renuncia a esgotar toda as vías para coidar un edificio histórico. Varela lembrou que o Concello xa foi sancionado por facer obras na casa de Paredes sen permiso de Patrimonio, e pediu que non se repitan “lamentables episodios do pasado como o derrubo do asilo de Adelaida Muro”. “Cumplir a legalidade urbanística non é exceso de celo. É a mellor maneira de defender o público e evitarlle hipotecas ao noso Concello. Por favor, non repitan os erros do pasado”.

Comentarios
O goberno municipal dá un paso atrás en participación cidadá e anula os encontros Dillo Ti