CRISE NO GOBERNO MUNICIPAL

Inés Rey fulmina Eva Acón

Inés Rey destituíu á secretaria xeral da Agrupación Socialista Coruñesa, Eva Martínez Acón, como concelleira de Innovación, Industria, Emprego e Consumo.
Inés Rey fulmina Eva Acón
Martínez Acón, con Inés Rey. Foto: PSOE Coruña
Martínez Acón, con Inés Rey. Foto: PSOE Coruña

A alcaldesa Inés Rey tomou unha decisión sorprendente este martes: destituíu á Martínez Acón como responsábel dunha concellería e apartouna do goberno local que os socialistas manteñen en solitario desde as eleccións de maio de 2019. O relevante é que Acón non é unha concelleira máis, é a secretaria da Agrupación Socialista Coruñesa. Rey desfaise dela dous anos despois de gañar a nominación como candidata socialista á Alcaldía da Coruña, unha nominación disputada en primarias nas que Acón e Rey estaban en bandos opostos.

A decisión da alcaldesa xustifícase, segundo fontes do goberno local, polo "absentismo laboral" da concelleira e a súa "falta de lealdade coa alcaldesa".

Desde a oposición, para Marea Atlántica a noticia enmárcase na crise permanente na que está instalado o goberno municipal e supón recoñecer que a Concellaría de Emprego é "un burato negro" por falta de resultados.

 

O BNG reclama "un chisquiño de responsabilidade e sensatez" e sinala que "aumenta a inestabilidade no Concello, xusto o que menos necesita a cidade nestes momentos de grave crise".

Rosa Gallego, a portavoz municipal do PP, comentou na súa conta de Twitter que a alcaldesa, "en vez de estar preocupada por quienes lo pasan mal en plena pandemia, está descentrada con peleas internas y ajustes de cuentas".

A decisión de Rey é un golpe na mesa da sempre axitada agrupación local coruñesa e un desafío aos seus opositores dentro do PSOE da cidade.

Comentarios
Inés Rey fulmina Eva Acón