Goberno municipal

Inés Rey reestrutura o goberno “para sumar e unir na resposta á crise”

A alcaldesa anunciou en rolda de prensa a incorporación da edila do Grupo non adscrita Mónica Martínez ao Executivo local e uns cambios entre os que asume persoalmente desde Alcaldía a xestión de Cultura, “que foi mol golpeada pola Covid-19 e precisa un apoio transversal, de cidade”. “Todas e todos estamos poñendo aínda máis da nosa parte para chegarmos a un consenso de cidade polo ben común da nosa cidadanía e polas súas necesidades máis urxentes”, sinala Rey.
Inés Rey reestrutura o goberno “para sumar e unir na resposta á crise”
Goberno municipal
Goberno municipal

A alcaldesa, Inés Rey, anunciou en rolda de prensa, acompañada por todas e todos os concelleiros do executivo local, varios cambios no organigrama do Goberno municipal, derivados da necesidade de sumar forzas para seguir respondendo ás necesidades derivadas da crise creada pola Covid-19. Entre elas, está a incorporación ao Goberno local de Mónica Martínez, "concelleira non adscrita desde hai varios meses e que demostrou desde o inicio deste mandato o seu compromiso pola cidade, a súa enorme capacidade de diálogo e a súa vontade de contribuír e sumar en cada proxecto que entende beneficioso para as coruñesas e os coruñeses". Inés Rey referiuse á nova edila do Goberno como una persoa que "suma, achega, dialoga e cre neste proxecto" e asegurou que "supón unha honra para min como alcaldesa que outra muller coruñesa se sume ao noso proxecto plural mais cunhas prioridades cidadás moi definidas". "Trátase de seguir incidindo na procura de acordos amplos, de sumar á maior parte das sensibilidades, sempre en busca do progreso da Coruña", engadiu Rey. 

A incorporación de Mónica Martínez ao executivo local e mais a pandemia "pedían unha reestruturación do equipo de goberno", dado que o organigrama de calquera Goberno, dixo a alcaldesa, "non é unha fotografía fixa, as circunstancias cambian e por iso debemos reaxustar a formulación inicial, xa que os retos que están encima da mesa son outros con respecto aos de fai un ano". Rey explicou que "todas e todos puxemos da nosa parte para chegarmos a un consenso polo ben común da nosa cidadanía e polas súas necesidades máis urxentes".  Deste xeito, Martínez asumirá a Concellería de Deportes en exclusiva, "un eixe estratéxico das políticas municipais e que foi exitosamente levada até o día de hoxe por Juan Ignacio Borrego", sinalou Rey.

Pola súa banda, Juan Ignacio Borrego reforza o seu papel de tentente de alcalde cunha materia clave como Seguridade Cidadá que "é e será un pilar importantísimo nesta nova etapa que nos toca vivir e que contará con Borrego á fronte dela, así como tamén será a cabeza visible das relacións institucionais deste concello e doutra materia especialmente relevante como é o Turismo", explicou a rexedora, que lembra que nunha primeira etapa nese ámbito xa tomaron as primeiras decisións e máis urxentes, como o coidado da saúde pública antes da Covid, coas restricións ao botellón ou a dobre fila como principais exemplos, e que agora seguirá co magnífico traballo xa desenvolto polo persoal municipal nos momentos difíciles do confinamento". 

Pola súa parte, Diana Cabanas reforzará a comunicación directa nos mercados, coas/cos comerciantes e hostaleiras/os, "outro dos sectores máis danados desta crise sanitaria". Necesitan estar por diante na escala de prioridades actual, e con elas/es, a veciñanza, así que unimos barrios a esta área para englobarmos se cabe este labor de rúa e de diálogo que consideramos fundamental".

Jesús Celemín centrarase nos temas educativos "que este ano, e dada a situación actual, requiren un sobreesforzo que xa se realizou durante os últimos meses". "A súa traxectoria anterior nas aulas e o seu coñecemento do sistema desde dentro e sobre todo a boa xestión que levou a cabo no eido educativo fan que se reforce ese traballo para responder ás necesidades educativas, aos novos retos, e tamén á xestión das Escolas Infantís Municipais, que pasaron a depender hai uns meses da Concellería de Educación", asegurou a rexedora sobre Celemín, que continuará xestionando a competencia de Memoria Histórica.

Inés Rey pasará a coordinar directamente Cultura, "unha área fundamental na cidade da Coruña que non se debe deter, un sector que ten que seguir traballando e nós porémolo en valor cunha mostra clara e sen matices de apoio ao sector cultural porque as/os artistas e as/os creadoras/es son unha das nosas prioridades". Así, desde Alcaldía tamén se xestionará a área das Festas e o IMCE, e poranse así ao máximo nivel as cuestións relacionadas coa Cultura local, tanto a nivel de creadores como de persoas usuarias. 

A alcaldesa afirmou que o executivo local ten "uns principios inamovibles e esa é a principal fortaleza deste goberno que me acompaña, no que nunca deixaremos de loitar e defendermos a nosa cidade. Por encima de calquera interese, estará sempre A Coruña e as súas necesidades" e asegurou que "se algo demostramos durante este ano é que estamos á altura das circunstancias para loitarmos contra unha pandemia destas dimensións e que sabemos sobrepoñernos a escenarios como os que se deron e que ninguén foi capaz de imaxinar".

Rey explicou que a prioridade do Goberno é "desde hai 14 meses volver a pór esta cidade no posto que merece, potenciar a economía local, a mobilidade, o benestar social, a sustentabilidade e recuperar o tempo perdido" e as/os, desde hoxe, 10 edilas/es que a acompañan teñen "claros estes valores, que ademais son distintivos do mandato e que xa son visibles en cuestións como as políticas redistributivas, agora especialmente en prol dos sectores máis golpeados pola crise -como o demostra o grande investimento do Presco, único en toda España- así como defender unha cidade máis humana, co regreso das obras pensadas para a cidadanía, xunto coas peonalizacións; e tamén con políticas activas de limpeza, protección social ou desenvolvemento, que agora vivirán un novo pulo á vez que seguimos afondando na política amable, de suma, de acordos polo ben da Coruña, a nosa única prioridade".

Comentarios
Inés Rey reestrutura o goberno “para sumar e unir na resposta á crise”