OFICINAS MUNICIPAIS

Jorquera pide ao goberno municipal que reforme as oficinas do rexistro e do padrón por estaren colapsadas

O BNG, partidario de voltar ao modelo de descentralización destes servizos

Jorquera pide ao goberno municipal que reforme as oficinas do rexistro e do padrón por estaren colapsadas
registro
registro

A Coruña, a 17 de outubro de 2019. Longas filas de persoas a agardaren para ser atendidas, xente que fica fóra das instalacións municipais con bebés no colo, traballadoras que desempeñan as súas funcións sen que se cumpran as condicións mínimas previstas nas normativas de saúde laboral e prevención de riscos laborais, instalacións que non garanten a accesibilidade ás persoas con mobilidade reducida...

Esta é a situación de colapso que presentan as dependencias do Rexistro e do Padrón no Palacio María Pita que o grupo municipal do BNG xa ten denunciado no pasado. Agora, o portavoz nacionalista Francisco Jorquera dirixe unha pregunta por escrito ao executivo coruñés para saber que pensa facer ao respeito.

O colapso agravouse cando se consumou a centralización dos servizos do Padrón, radicados antes no Ágora e no Fórum Metropolitano, en María Pita. En 2017 o BNG pediu ao goberno municipal, naquela altura da Marea Atlántica, que se modernizasen as instalacións para as adecuar a unha debida atención ao público e ás normativas en saúde laboral e prevención de riscos laborais. Non houbo resposta satisfactoria, como tampouco foi atendida unha emenda do Bloque aos orzamentos de 2018 –actualmente vixentes en forma de prórroga – para destinar a estes efectos unha partida de 150 mil euros.

Agora, o BNG volve abordar este asunto, en forma dunha pregunta por escrito através da cal Jorquera inquire ao executivo local se pensa “volver ao modelo de descentralización dos servizos de Padrón e Rexistro” e interésase por saber se o goberno de Inés Rey ten previsto reformar “o emprazamento do Rexistro Xeral e do Padrón Municipal para garantir a súa plena accesibilidade”, ben como o cumprimento da lexislación “en materia de saúde e prevención de riscos laborais co fin de dar o mellor servizo público e garantir tamén os dereitos laborais do funcionariado”.

Interpela Jorquera o goberno municipal para que teña en conta “a perspectiva de xénero” neste asunto, sendo que “moitas das persoas que acoden” ás oficinas do Padrón “son nais cos seus bebés e coas súas crianzas que teñen necesidades específicas”.

Comentarios
Jorquera pide ao goberno municipal que reforme as oficinas do rexistro e do padrón por estaren colapsadas