Eleccións municipais | BNG

Jorquera: “Temos proxecto de cidade, porque temos proxecto de país”

Ana Pontón, a portavoz nacional, e Ana Miranda, candidata ao Parlamento Europeo, acompañaron ao candidato do BNG á Alcaldía da Coruña e a Avia Veira, a número dous da lista das nacionalistas, na apertura de campaña en Catro Camiños xunto a un cento de militantes.

Jorquera: “Temos proxecto de cidade, porque temos proxecto de país”
pegada14-1024x576
Francisco Jorquera, candidato á alcaldía, na apertura de campaña en Catro Camiños

A Coruña, 9 de maio.- Francisco Jorquera e o BNG da Coruña arrancaron a campaña das Municipais 2019 cun acto no que as nacionalistas mostraron o seu decidido compromiso de impulsar un cambio nas cidades e vilas do país como antesala do cambio que activarán en Galiza en 2020. Ana Pontón, a portavoz nacional do BNG, e Ana Miranda, candidata nas eleccións ao Parlamento Europeo, acompañaron a Avia Veira e a Francisco Jorquera, o tándem de cabeceira do BNG A Coruña, para subliñar a aposta do Bloque polas cidades. A batalla das municipais comeza coas nacionalistas ben reforzadas na Coruña despois de ter mellorado resultados na convocatoria das xerais e cun candidato ambicioso. “O BNG está en ascenso. Somos unha forza política sólida, avalada pola nosa traxectoria municipal, e estou convencido da nosa fortaleza”, dixo Francisco Jorquera na súa intervención. E afirmou: “Temos proxecto de cidade, porque temos proxecto de país”.

Francisco Jorquera insistiu en que a do BNG é “a única candidatura que pode asegurar un cambio real e feito desde nós” e engadiu que a proposta e o equipo nacionalista “ten o que non teñen as outras: solvencia, solidez e capacidade”.

O candidato a alcalde propuxo “un cambio en serio na Coruña, entroncando co mellor da súa tradición: unha cidade galega, aberta, dinámica; de longa tradición galeguista e nacionalista, republicana e progresista”. Jorquera asumiu o compromiso de liderar a política municipal no próximo mandato e indicou: “tócanos a nós transformar a decepción xerada por un goberno e unha xestión improvisada e ineficaz, transformar iso en ilusión por un cambio transformador, orientado desde a defensa do público”, e matizou, “somos firmes defensores do público, e acreditamos que o mellor xeito de defender o público é xestionar ben o público”.

Jorquera: “Temos proxecto de cidade, porque temos proxecto de país”