Marea Atlántica | nota de prensa

A Marea Atlántica critica a improvisación no Consello de EMVSA

A bolsa de vivenda para persoas en risco de exclusión fracasa e só consegue sumar dous pisos, un deles fóra da Coruña, sen a xustificación documental necesaria

A Marea Atlántica critica a improvisación no Consello de EMVSA
Consello EMVSA
Consello EMVSA

Silvia Caméan: “Estamos nunha situación de emerxencia, non imos poñer obstáculos, pero as carencias no procedemento son preocupantes”

A Coruña, 18 de marzo de 2021.- As representantes da Marea Atlántica no Consello de Administración da Empresa Municipal de Vivenda (EMVSA) abstivéronse hoxe para non dificultar a incorporación de dous pisos a un banco de vivendas para persoas en risco de exclusión social, pero criticaron o enorme grao de improvisación en todo o proceso. En palabras de Cameán, “estamos nunha situación de emerxencia e non imos poñer obstáculos a que aumenten os recursos sociais, pero as carencias na documentación son preocupantes”.

Así, a bolsa de vivenda para persoas vulnerables, anunciada hai un ano, fracasa ao sumar só dous pisos. Un deles nin sequera está na Coruña, sitúase en Carral, e sen cerfificado do rexistro da propiedade, dúas carencias que entran en conflito coas bases da convocatoria, e que non se xustifican axeitadamente.

É un resultado preocupante, que se suma ao desmantelamento do Equipo Hábitat encargado do realoxo das familias que residen en asentamentos precarios, a pesar dos bos resultados que deu o seu traballo durante o pasado mandato. "O goberno de Inés Rey prometeu grandes avances na na eliminación dos asentamentos precarios no 2020, pero a realidade é que nin sequera teñen un plan", engade Silvia Cameán.

Pola súa banda, Claudia Delso preguntou cando se vai dar a coñecer o regulamento para a adxudicación das vivendas incorporadas hoxe que, segundo o informe de EMVSA, está a tramitarse no Concello. Porén o goberno municipal confirmou que só existe un borrador e que os trámites nin sequera comezaron. De novo, fan gala dunha parálise burocrática difícil de xustificar nestes momentos de emerxencia.

Mentres tanto, cómpre lembrar que o PSOE continúa a incumprir, entre outros moitos, o acordo para crear unha bolsa de alugueiro social a través de EMVSA e dirixida a poboación xeral. Formaba parte do pacto para o inicio de mandato e debería terse materializado en 2020, pero non ten nin as bases redactadas. A nosa proposta é recuperala como parte do novo plan de choque contra a pandemia, con especial atención á mocidade para facilitarlle o acceso á vivenda.

Á hora de renovar o Presco en 2021, a vivenda ten que ser un eixe fundamental. Por iso propuxemos, tamén, un convenio coa asociación Provivenda para a posta en marcha inmediata dun programa de alugueiro para persoas vulnerables, que xa funciona en Vigo, con bo resultado. E a ampliación do convenio con Housing First, habilitando novas vivendas para persoas en situación de rúa. Xuntas, estas iniciativas sumarían bastante máis que as dúas vivendas que EMVSA incorpora hoxe.

A pandemia está a agravar o problema do acceso á vivenda, cos prezos do alugueiro en crecemento constante e un Goberno do Estado que se nega a regulalos. Na Coruña precisamos un Plan de Vivenda ambicioso, que vaia máis alá de parches e actuacións puntuais, como xa temos demandado en varias ocasións. Porén, o PSOE segue a incumprir os acordos coa Marea Atlántica neste eido, centrado en fomentar pelotazos de vivenda a prezos que a maioría da xente non poderá pagar, como vemos en Percebeiras e veremos nos peiraos interiores. Se queren rectificar, a nosa man está tendida para loitar polo dereito á vivenda.

A Marea Atlántica critica a improvisación no Consello de EMVSA