Marea Atlántica | nota de prensa

A Marea Atlántica denuncia que 28 entidades do terceiro sector padecen recortes na proposta unilateral do PSOE para renovar os convenios

Iago Martínez: “A pesar da propaganda, estes 28 colectivos acumulan un recorte de 280.000 euros, sen xustificación ningunha por parte do goberno de Inés Rey”

A Marea Atlántica denuncia que 28 entidades do terceiro sector padecen recortes na proposta unilateral do PSOE para renovar os convenios
María Pita
María Pita

Tamén se reducen 500.000 euros do convenio con Red.es para a administración dixital e 40.000 do acordo con ONU Hábitat para a redución de asentamentos precarios

A Coruña, 22 de febreiro de 2021.- O vicevoceiro da Marea Atlántica, Iago Martínez, representante do grupo municipal da Marea Atlántica na Comisión de Facenda, denunciou hoxe que, “a pesar do que di a propaganda, a proposta unilateral do PSOE para renovar os convenios supón un recorte para 28 entidades do terceiro sector por valor de 280.000 euros”. Case trinta asociacións veciñais, sociais, deportivas e culturais ven reducido o apoio do Concello nun ano que se presenta difícil, e sen ningún tipo de explicación por parte do goberno municipal”.

Os recortes supoñen, nalgúns casos, unha redución dos fondos e noutros a desaparición do convenio. Descoñecemos os motivos que guían esta tesourada o porque o portavoz do goberno, José Manuel Lage, volveu negarse hoxe na Comisión de Facenda a explicar o criterio que guía a súa proposta, como xa fixera na xuntanza que mantivemos a semana pasada. Desde logo, non foi negociada nin consensuada coa Marea Atlántica. Pola nosa banda, volvemos esixir máis fondos para o tecido social da Coruña, máis necesario ca nunca.

Ás baixas que afectan directamente á entidades sociais hai que sumarlles 500.000 euros que desaparecen do convenio con Red.es para fomentar a dixitalización e 40.000 euros que desaparecen do convenio con ONU Hábitat para a redución de asentamentos precarios na Coruña. Como sinala Martínez, “a pesar das declaracións grandilocuentes coas que o goberno se suma á Axenda 2030 das Nacións Unidas, logo recorta fondos para implementala, retrocedendo nas políticas que estableceu Xulio Ferreiro no seu mandato”.

Unha vez máis, un Pleno Extraordinario convocado pola radio 

Como xa aconteceu coa última sesión na que se modificaron as ordenanzas fiscais, os grupos municipais soubemos pola radio que o Pleno Extraordinario sobre os convenios terá lugar este mércores. Inés Rey anunciouno nunha emisora local mentres se celebraba a Comisión de Facenda, e antes de que os grupos da oposición recibisen notificación oficial ningunha. Este é o goberno do diálogo.

Lembremos, unha vez máis, que a renovación dos convenios debería terse producido o 1 de xaneiro, pero non foi así porque Inés Rey renunciou á súa obriga de elaborar e negociar uns Orzamentos 2021. Decidiuno de xeito unilateral, igual que a data do Pleno Extraordinario e a proposta do goberno para o mesmo, recortes incluídos.

O resultado, e que a 22 de febreiro so pode ofrecerlles incerteza ás entidades sociais, A Coruña segue sen Orzamentos, e non sabemos nada do novo plan de choque contra a crise da COVID19. Mentres, unhas 600 axudas directas seguen sen pagar desde xuño.

Comentarios
A Marea Atlántica denuncia que 28 entidades do terceiro sector padecen recortes na proposta unilateral do PSOE para renovar os convenios