Goberno municipal

A Marea Atlántica denuncia que o PSOE da Coruña racha o pacto antitransfuguismo e xira á dereita para agochar a incapacidade do seu goberno

O goberno municipal afástase da maioría progresista que fixo posible a investidura de Inés Rey

Eliminar a Concellería de Cultura é unha falta de respecto ao sector, tras 14 meses de inacción e falta de diálogo

A Marea Atlántica denuncia que o PSOE da Coruña racha o pacto antitransfuguismo e xira á dereita para agochar a incapacidade do seu goberno
Transfuguismo
Transfuguismo

O grupo municipal da Marea Atlántica denuncia que o PSOE da Coruña tenta tapar a incapacidade do seu goberno municipal coa incorporación dunha concelleira adscrita, que abandonou o grupo político polo que foi elixida, rachando o Pacto Antitransfuguismo de 2006 e a xurisprudencia ao respecto. É unha decisión que rebaixa a categoría política do Concello da Coruña e supón un xiro á dereita, afastándose da maioría progresista que lle deu a investidura a Inés Rey.

Coa remodelación do executivo municipal anunciada hoxe, Inés Rey amosa falta de confianza no seu equipo, pero non lle dá solución. Afonda a disfuncionalidade do goberno municipal, cunha enorme desigualdade e asimetría no reparto de áreas, e suma o transfuguismo aos seus problemas. A cidade, unha vez máis, ten que pagar as guerras internas do Partido Socialista.

Deixar a Cultura sen unha concellería propia, despois de catorce meses de inacción e falta de diálogo, é unha falta de respecto a un sector que vén sendo ignorado pese a ser dos que máis están a sufrir a crise da COVID19. Levamos meses advertíndoo. O mesmo ocorre con Deportes, outra área abandonada e marcada pola incapacidade de actuación, que non ofreceu ningún resultado nun ano. E a única solución que ten o PSOE para ofrecer é rachar o pacto antitransfuguismo.

Non son as únicas áreas que levan paralizadas todo o mandato. Medio Ambiente, Benestar Social, Igualdade, Economía e Emprego tamén acumulan problemas que esta remodelación nin se achega a solucionar.

É un paso máis na liña de conservadorismo que o goberno municipal comezou hai tempo, e que se deixa notar nos numerosos incumprimentos do pacto asinado coa Marea Atlántica para o primeiro ano de mandato. En xuño denunciamos que tres de cada catro acordos estaban sen cumprir, e a situación continúa exactamente igual pasados dous meses.

Comentarios
A Marea Atlántica denuncia que o PSOE da Coruña racha o pacto antitransfuguismo e xira á dereita para agochar a incapacidade do seu goberno