MAREA ATLÁNTICA | NOTA DE PRENSA

A Marea Atlántica esíxelle á Xunta de Galicia e o goberno información para a veciñanza afectada pola ampliación do hospital en Eirís

A obra do novo centro hospitalario da Coruña, moi necesaria, non é escusa para ignorar ás persoas que poderían perder a súa casa por mor das obras e se enteraron pola prensa

A Marea Atlántica esíxelle á Xunta de Galicia e o goberno información para a veciñanza afectada pola ampliación do hospital en Eirís
Xan Xove, Xiao Varela e Iago Martínez coa directiva da asociación veciñal de Eirís
Xan Xove, Xiao Varela e Iago Martínez coa directiva da asociación veciñal de Eirís
A Coruña, 1 de febreiro de 2020.- O grupo municipal da Marea Atlántica preguntaralle ao goberno de Inés Rey polas condicións nas que se expropiarán os terreos necearios para a ampliación do CHUAC, anunciada esta semana polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, en presenza da alcaldesa da Coruña e sen terllo comunicado antes á veciñanza afectada. Ademais, o deputado Xan Xove, do Grupo Común da Esquerda, iniciará accións no Parlamento de Galicia para que tamén o goberno autonómico dea explicacións. O proxecto do novo CHUAC é moi necesario, pero non xustifica que se trate á cidadanía coma números nun plano, nin que teñan que enterarse pola prensa da posibilidade de quedar sen casa.

A Marea Atlántica rexistrará as seguintes preguntas escritas, para que o goberno municipal cumpra coa súa obriga de render contas:

  • Participou o Concello da Coruña na decisión de ampliar o CHUAC na súa actual ubicación? En caso afirmativo, de que maneira?
  • Coñecía o Concello da Coruña a decisión de ampliar o CHUAC na súa actual ubicación antes do acto do pasado 29 de xaneiro? Cando tivo coñecemento e de que maneira?
  • É coñecedor o goberno municipal de que a ampliación, nos termos anunciados o día 29 de xaneiro, implica a expropiación de vivendas? Dende cando é coñecedor o goberno municipal desta circunstancia?
  • Púxose en contacto o goberno municipal coas persoas afectadas pola ampliación do CHUAC? De ser así, cando o fixo? De non selo, por que?
  • Cantas persoas van resultar afectadas pola ampliación do CHUAC?
  • Que medidas pensa tomar o goberno municipal en relación ás persoas afectadas pola ampliación do CHUAC?
  • É coñecedor o goberno municipal de que a ampliación, nos termos anunciados o pasado 29 de xaneiro, non coincide coa prevista no PXOM? Que prevé facer ao respecto?
  • Sabe o goberno municipal quen vai asumir o custo das expropiacións? O Concello da Coruña ou a Xunta de Galicia?
  • Cales son os prazos para o inicio das obras no CHUAC?

Este venres, nunha visita á zona de Curramontes, en Eirís, o vicevoceiro da Marea Atlántica, Iago Martínez; o concelleiro Xiao Varela, responsable de Rexeneración Urbana no anterior goberno; e o deputado Xan Xove, acompañados por parte da directiva da asociación veciñal, puideron constatar que as persoas afectadas polas expropiacións non tiveran información de ningún tipo.

Rede de Barrio en Eirís o próximo 8 de febreiro

Nestes momentos, a incerteza é total. Non se coñecen cales serán exactamente as parcelas implicadas nin quen realizará as expropiacións. Para manter o contacto coa veciñanza, trasladar a información dispoñible e escoitar ás afectadas, celebraremos unha Rede de Barrio en Eirís o vindeiro 8 de febreiro.

Non hai dúbidas sobre a necesidade de ampliar o CHUAC; pero os representantes políticos deberían preocuparse máis por informar á veciñanza afectada que por sacarse fotos propagandísticas. A Xunta e o goberno municipal teñen que vir a Eirís e darlles as debidas explicacións á cidadanía. E así llo reclamaremos dende a Marea Atlántica no Concello da Coruña e dende o Grupo Común da Esquerda no Parlamento de Galicia. Esixiremos transparencia e seriedade en todo o proceso de expropiacións. Para non xogar coa vida da xente, e para non repetir desastres como o do Ofimático ou San Vicente de Elviña.

Comentarios
A Marea Atlántica esíxelle á Xunta de Galicia e o goberno información para a veciñanza afectada pola ampliación do hospital en Eirís