Orzamentos Xunta de Galicia

A Marea Atlántica esixira o martes, no Pleno Extraordinario, un maior compromiso coa Coruña nos Orzamentos 2020 da Xunta

O 12 de novembro celebrarase a sesión plenaria solicitada pola Marea e o BNG para analizar as contas presentadas por Feijóo, que unha vez máis non están á altura do que a cidade merece

A Marea Atlántica esixira o martes, no Pleno Extraordinario, un maior compromiso coa Coruña nos Orzamentos 2020 da Xunta
Inés Rey e Núñez Feijoo
Inés Rey e Núñez Feijoo
A Coruña, 9 de novembro de 2019.- A Marea Atlántica esixirá este martes 12 de novembro, no Pleno Extraordinario do Concello para analizar o proxecto de Orzamentos da Xunta de Galicia para 2020, un maior compromiso do goberno galego coa cidade da Coruña e a súa área metropolitana. As contas presentadas por Feijóo volven non estar á altura do que merece a área urbana máis dinámica de Galicia e nin achegan novos proxectos nin cumpren os compromisos adquiridos. Por iso, reclamámoslle un maior investimento en vivenda, loita contra o cambio climático e defensa do emprego nun contexto de crise industrial.

Hai máis dunha década que o goberno de Feijóo prometeu patios cubertos en oito colexios da cidade, pero en 2020 só existen fondos para o IES Eusebio da Guarda, esquecendo outros centros que requiren melloras urxentes, como San Pedro de Visma e Curros Enríquez.

Compromisos esquecidos, como esquecido fica o centro de saúde do barrio da Falperra, que non ten un só euro consignado nestas contas. Outros servizos sanitarios teñen este mesmo trato inxusto: sen fondos para recuperar Xinecoloxía no COF do Ventorrillo, para dotar de pediatría a Novo Mesoiro nin para cubrir as carencias de medicina de familia nos barrios que aumentaron poboación. A ampliación do CHUAC non é escusa para ignorar a atención primaria.

En Xustiza Social, o investimento do goberno de Feijóo na cidade da Coruña é de cero euros. O único proxecto, a moi necesaria residencia de maiores en Eirís, será pagado polo capital privado da Fundación Amancio Ortega e construído nunha parcela que o Concello cedeu de balde no anterior mandato. Cero euros mentres continúa o co-pagamento no Servizo de Axuda a Domicilio para persoas dependentes, por causa dun decreto que invade as competencias municipais.

Desprezo do modelo Nostián

A mesma cifra, cero euros, é a que terán as políticas de loita contra o cambio climático, sen ningunha actuación proposta para a nosa cidade. E mentres se inviste noutras provincias para favorecer a recuperación de residuos, a Xunta esquece por completo a planta de Nostián nun momento, o de renovación do contrato, no que o seu apoio sería importante e necesario.

No eido do dereito á vivenda, só podemos salientar os 3 millóns de euros que se destinarán a construír vivenda social no Ofimático, un proxecto xa coñecido e escaso ante o crecente burbulla do alugueiro. E moi por debaixo do que a Xunta inviste en cidades como Vigo. Nin fai, nin deixa facer, porque segue sen lexislar o concepto de “vivenda baleira” para permitir que os concellos as penalicen a través dos impostos, como tenta facer o Concello da Coruña desde 2015.

Longa lista de promesas incumpridas

Hai incumprimentos que xa son crónicos, promesas que Feijóo lle fai á xente da Coruña e incumpre unha e outra vez. E volve incumprir nestes Orzamentos 2020. É o caso da Intermodal, que acumula atrasos e escusas. Do compromiso coa fachada marítima, onde non hai nin rastro dos 20 millóns que a Xunta ía investir para protexer o bordo litoral, como prometeu diante dos presidentes de Puertos del Estado e da Autoridade Portuaria da Coruña. Nin rastro dos millóns que lle debe á Orquestra Sinfónica de Galicia, tras unha década incumprindo o compromiso de investir polo menos 3 millóns ao ano. E nin rastro do apoio á Cidade das TIC, un proxecto estratéxico para crear emprego nun momento de emerxencia industrial na nosa comarca.

En resumo, demandámoslle a Feijóo que, por unha vez, estea á altura do que a cidade da Coruña merece.

A Marea Atlántica esixira o martes, no Pleno Extraordinario, un maior compromiso coa Coruña nos Orzamentos 2020 da Xunta