Marea Atlántica | nota de prensa

A Marea Atlántica insta ao goberno municipal a reunir de novo a Mesa de Diálogo cos sectores máis afectados pola crise e acordar as liñas de axuda

A metade do acordo asinado en decembro pola Marea, o PSOE e o BNG segue sen cumprirse, a pesar que que no último Pleno se aprobaran as bonificacións nas taxas da auga e o lixo para os negocios con horarios limitados polas restricións sanitarias

A Marea Atlántica insta ao goberno municipal a reunir de novo a Mesa de Diálogo cos sectores máis afectados pola crise e acordar as liñas de axuda
axudas
axudas

María García: “Pedímoslle a Inés Rey que non nos venda inauguracións en 2027 e derrubos en 2040. No ano 2021 hai necesidades urxentes que non está a atender”


A Coruña, 6 de febreiro de 2021

A Marea Atlántica reclámalle ao goberno municipal que cumpra todos os termos do acordo asinado o 10 de decembro. Esiximos que volva reunir a Mesa de Diálogo coa hostalería e o comercio, para ultimar canto antes o deseño das liñas de axudas aos sectores máis afectados pola crise.

A nosa voceira, María García, pídelle a Inés Rey que “deixe de vendernos inauguracións que non fará ata 2027 e derrubos no bordo litoral que non serán posibles ata 2040. Que deixe de gobernar cuns orzamentos pensados en 2019. Agardamos por ela en 2021, onde hai necesidades urxentes que non está a atender”. En febreiro, seguimos sen orzamentos, sen convenios para as entidades sociais, sen novo plan de choque e sen nada más que fotos e promesas.

Medidas sen cumprir

García lembra que este xoves o Pleno aprobou unha bonificación do 50% na taxa da auga e saneamento para os negocios afectados polas restricións sanitarias, pero “é só un un dos puntos do noso acordo, e de de pouco servirá se non se acompaña doutras medidas”. O pacto asinado pola Marea Atlántica, o PSOE e o BNG a comezos de decembro incluía tamén, literalmente, “unha nova dunha nova liña de axudas para establecementos afectados polas restricións horarias derivadas do estado de alarma”.

O lugar para deseñar e pechar esta nova liña de axudas debe ser a Mesa de Diálogo cos sectores afectados, que tamén forma parte do acordo e que polo de agora só se reuniu unha vez para pouco máis ca unha foto, e rematou sen compromisos concretos.

Segue habendo axudas sen pagar

“E, por suposto, hai que rematar de pagar as axudas do plan de choque de 2020, o chamado Presco. Porque está no acordo, porque eran axudas de emerxencia en xuño e o goberno tardou oito meses en comezar a resolvelas, e quedan aínda moitas pendentes. Cantas chegarán a negocios que xa tiveron que baixar a persiana?”, argumenta María García. E engade que “cando o PSOE incumpre as súas obrigas, é a veciñanza quen o paga”.

Finalmente, a nosa voceira denuncia que, a 6 de febreiro, “nada se sabe dos convenios e subvencións para o tecido asociativo coruñés, nin do novo plan de choque que tantas veces se anunciaron, nin dos orzamentos que Inés Rey podería aprobar se negociase cos grupos que lle deron a investidura. Déixese de fotos e andrómenas e regrese a 2021. A cidade precisa un goberno”.

Comentarios
A Marea Atlántica insta ao goberno municipal a reunir de novo a Mesa de Diálogo cos sectores máis afectados pola crise e acordar as liñas de axuda