Marea Atlántica | nota de prensa

A Marea Atlántica lamenta a perda definitiva da conexión de Alvedro con Londres

Alberto Lema: “A Coruña queda sen un enlace esencial, non só para o turismo, senón para a actividade económica. E a pesar de todas as promesas, Inés Rey non fixo nada para solucionalo”

A Marea Atlántica lamenta a perda definitiva da conexión de Alvedro con Londres
Alvedro
Alvedro

En 2020, Alvedro quedou sen a grande maioría dos seus destinos, e tivo un descenso de persoas usuarias maior que outros aeroportos similares

A Coruña, 22 de marzo de 2021.- O concelleiro da Marea Atlántica e representante no Consorcio de Turismo, Alberto Lema, denunciou hoxe a perda definitiva da conexión aérea de Alvedro con Londres. A compañía Vueling, que anulou este enlace o verán pasado, non ten intención ningunha de recuperalo, ante a pasividade do goberno de Inés Rey.

“A Coruña perde definitivamente o voo a Heathrow, un enlace esencial non só para o turismo, senón para a actividade económica. Hai meses que avisamos da necesidade de actuar e negociar con Vueling para darlle a volta aos recortes. Pero confírmase que o goberno de Inés Rey non tivo a dilixencia necesaria para facelo”, explica Lema.

Alvedro continúa perdendo voos. Ademais do de Londres, desapareceron os avións a Málaga, Valencia, Las Palmas e Mallorca. En 2020, Alvedro quedou sen a gran maioría dos seus destinos e tivo un descenso de viaxes moito máis acusada que outros aeródromos de tamaño similar. A pesar de todas as promesas, o goberno local non fixo nada para solucionalo.

“Esixímoslle ao goberno que tome en serio esta cuestión e busque unha solución inmediata, recuperando o voo a Londres e buscando enlaces con outros aeroportos europeos”, remata Alberto Lema.

Comentarios
A Marea Atlántica lamenta a perda definitiva da conexión de Alvedro con Londres