MEDIO AMBIENTE

A Marea Atlántica levará á Comisión do Bordo Litoral unha proposta de acordo para volver autorizar o baño no Parrote

A iniciativa realízase a petición de dúas veciñas, que nas últimas semanas recolleron 1.115 sinaturas reclamando que se levante a prohibición de bañarse na zona

A Marea Atlántica levará á Comisión do Bordo Litoral unha proposta de acordo para volver autorizar o baño no Parrote
Xiao Varela coas veciñas que recolleron as sinaturas
Xiao Varela coas veciñas que recolleron as sinaturas
23 de outubro de 2019.- O concelleiro Xiao Varela, presidente da Comisión Especial para o Bordo Litoral, convocará o luns este organismo na procura dun acordo para levantar a prohibición de bañarse na enseada do Parrote. A proposta é seguir o modelo da Mariña de Valencia e habilitar unha zona de baño controlado que non afecte ao marisqueo na zona, e respectando os requisitos legais.

Esta iniciativa realízase a petición de dúas veciñas, que nas últimas semanas recolleron un total de 1.115 sinaturas reclamando que se retire a prohibición de bañarse na zona do Parrote, que se fixo efectiva en xullo deste ano, coa colocación de sinais de advertencia. Varela, como presidente da Comisión, recolleu as sinaturas e fará entrega delas na sesión deste venres, para trasladarlle unha copia á alcadesa e outra ao presidente da Autoridade Portuaria.

A memoria da praia do Parrote

“Estamos a falar da zona na que se situaba a praia do Parrote, un lugar de baño e goce para toda a veciñanza da Coruña ata que en 1968 foi ocupada polo complexo deportivo da Solana. Por iso, entendemos que a petición ten toda a lexitimidade cidadá, por reivindicar un uso do espazo público”, explicou Xiao Varela. Tamén recolle un dos puntos da moción aprobada no Pleno de setembro por todos os grupos agás Ciudadanos.

Ademais de lexítima, tamén é viable tecnicamente: ao ser augas non navegables, abondaría con delimitar unha zona de baño libre, tal e como fixo o Porto de Valencia o pasado 11 de xuño. Por iso, a Marea Atlántica procurará o apoio do resto dos grupos para instar ao Concello e a Autoridade Portuaria da Coruña a dar os pasos necesarios para conseguilo.

Comentarios
A Marea Atlántica levará á Comisión do Bordo Litoral unha proposta de acordo para volver autorizar o baño no Parrote