Ampliación do CHUAC

A Marea Atlántica non asiste á recepción a Feijóo en protesta polos puntos escuros do convenio de ampliación do CHUAC e o abandono da sanidade pública

Inés Rey e Feijóo xa teñen a foto que querían, ao prezo de mentirlle á veciñanza de Eirís, deixar sen voz ao Concello e dicirlle amén a todo o que manda o presidente da Xunta
A Marea Atlántica non asiste á recepción a Feijóo en protesta polos puntos escuros do convenio de ampliación do CHUAC e o abandono da sanidade pública
Afectados CHUAC
Concentración en María Pita de persoas afectadas pola ampliación do CHUAC

“Venden unha obra que rematará dentro dunha década, con sorte, mentres o persoal sanitario fai hoxe quendas dobres e triples para afrontar a pandemia”, engade a nosa voceira

1 de febreiro de 2021.- O grupo municipal da Marea Atlántica rexeitou asistir hoxe á recepción en María Pita ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, en protesta polos recortes sanitarios, o abandono do sistema público de saúde e os puntos escuros do convenio para a ampliación do CHUAC. No seu lugar, a nosa voceira, María García, acompañou á veciñanza de Eirís que se manifestaba na praza de María Pita.

Inés Rey e Feijóo xa teñen a foto que querían. O prezo: mentirlle á plataforma de afectadas polas futuras obras, facer que o Concello se limite a pagar 26 millóns se ter nin voz nin voto no deseño do proxecto e as expropiacións, e dicirlle amén a todo o que vén da oficina do presidente da Xunta. Segundo a nosa voceira, “hoxe asínase un convenio tramitado sen diálogo, sen transparencia e sen buscar o mellor encaixe do novo hospital na cidade. Máis ca un convenio parece o atraco a un banco”

María García sinala que mentres se fan cálculos fantasiosos de canto emprego precario vai xerar o novo hospital no sector da construción, “mentres se fai propaganda dunha obra que non rematará, con sorte, ata 2027, o persoal sanitario está hoxe afogado, facendo quendas dobres e triples para afrontar a pandemia e pedindo axuda”. Por iso non queremos estar hoxe branqueando os recortes e privatizacións de Alberto Núñez Feijóo. A sanidade non precisa fotos, precisa recursos, persoal e condicións dignas.

Ampliación do CHUAC si, pero non así

Desde a Marea Atlantica insistimos en que a ampliación do hospital da Coruña é necesaria e debe facerse, pero en mellores condicións. Dixémolo co voto particular que levamos a Pleno a semana pasada, que foi rexeitado sen debate polo PP e o PSOE. E seguiremos insistindo para que estes criterios non se perdan de vista mentres avanza o proceso.

  •  Deixar clara a opción de ampliar o hospital cara o noroeste, co mínimo impacto posible nas vivendas, tal e como o goberno municipal lle prometeu á veciñanza afectada este 19 de xaneiro, cos debidos informes e planos, incluíndo os accesos.
  • Garantir que o Concello da Coruña, que terá que poñer polo menos 26 millóns de euros, conta con fondos suficientes para afrontalo. É necesario un informe de Intervención e Tesourería.
  • Reducir o gasto en expropiacións para que non supere os 9 millóns de euros. Se o hospital medra cara ao noroeste e afecta a menos vivendas, o gasto ten que reducirse en consecuencia.
  • Asegurar que o Concello da Coruña participe e teña voto na licitación das obras e o expediente de xustiprezo das expropiacións. Tal e como está redactado, limítase a poñer cartos e deixar que a Xunta decida todo.

 

Comentarios
A Marea Atlántica non asiste á recepción a Feijóo en protesta polos puntos escuros do convenio de ampliación do CHUAC e o abandono da sanidade pública