Marea Atlántica | nota de prensa

A Marea Atlántica reclama que cada restrición sanitaria leve a súa compensación aparellada

A terceira vaga da pandemia obriga a medidas duras, sen dúbida, pero é preciso garantir que todo o mundo teña o mínimo vital para poder cumprilas
A Marea Atlántica reclama que cada restrición sanitaria leve a súa compensación aparellada
axudas
Imaxe de Marea Atlántica

No próximo Pleno, preguntaremos polas medidas que tomou e está a tomar o goberno de Inés Rey para previr contaxios nos servizos municipais

A Coruña, 25 de xaneiro de 2021.- Desde a Marea Atlántica queremos lembrarlle, unha vez máis, a Alberto Núñez Feijóo, que toda restrición debe ter unha compensación. Estamos a vivir un momento moi difícil, en plena teceira vaga de contaxios da COVID19, e resulta preciso tomar medidas duras para protexer a vida e a saúde. Neste punto, toda a nosa comprensión. Porén, estas medidas teñen consecuencias para moitas persoas, especialmente en colectivos vulnerables. Unha vez máis, Feijóo falou de prohibicións, pero non de axudas.

A hostalería recibe unha orde de baixar a persiana e sobrevivir con pedidos para levar, endurecendo a situación de peche encuberto que xa viñan sufrindo. O sector segue a ser o máis afectado polas limitacións, e precisará apoio en igual medida: hai milleiros de postos de traballo en risco. Precisan axudas e precísanas con axilidade, igual que a cultura e o pequeno comercio, outras áreas coa súa actividade moi reducida ou eliminada. Lembramos que tamén o goberno de Inés Rey se comprometeu a aprobar novas bonificacións fiscais para estes sectores antes do 31 de xaneiro, e nada se sabe delas.

Hai anuncios que levamos tempo reclamando, e que Feijóo segue sen facer. Non falou do reforzo dos coidados, de servizos como a Axuda no Fogar. Non anunciou reforzos no transporte público para facelo seguro. Non propuxo liñas de apoio ás persoas que teñen que quedar na casa por un contaxio próximo. Nin para quen quede sen recursos e non poida pagar a luz ou o alugueiro, un grupo ao que, por desgraza, cada día pertence máis xente. Son precisas axudas, ao igual que coordinación entre as distintas administracións para non convertelas nun labirinto burocrático.

Tampouco se está a reforzar a supervisión dos centros de traballo para garantir que se cumpran as medidas sanitarias. E as feridas causadas polos recortes sanitarios da última década seguen abertas, lastrando o sistema de saúde público nestes intres complicadísimos.

As apelacións á responsabilidade individual non serven de nada se non garantimos que todo o mundo teña garantido o mínimo vital. Por poñer un exemplo drástico, quen non ten casa mal vai cumprir un toque de queda.

Contaxios nos servizos municipais e pregunta oral no Pleno

Neste punto, temos que lamentar tamén os contaxios detectados estes días nos servizos municipais da Coruña. Chegaron despois de meses advertindo dos riscos, mentres o goberno denega sistematicamente solicitudes de teletraballo, e mentres María Pita é o único concello da área que segue a celebrar Plenos e órganos de goberno de xeito presencial. Sen un plan nin un protocolo para casos de contaxio entre o funcionariado.

Desexámoslles unha pronta e completa recuperación ás persoas contaxiadas da COVID e convidamos a Inés Rey a recapacitar. No vindeiro Pleno realizaremos unha pregunta oral para coñecer ao detalle as medidas de prevención que se tomaron para protexer ao persoal funcionario e laboral do Concello, e tamén á cidadanía que acode aos distintos servizos.

Asumir riscos non só pon en perigo a saude do persoal e as súas familias, senón a propia xestión municipal e o servizo público cando hai que parar seccións completas. "Levamos meses avisando de que había que preparar as ferramentas de traballo dixitais diante do previsible incremento de contaxios. Nestas circunstancias non ten sentido o traballo presencial cando hai alternativas", afirma a voceira María García.

A Marea Atlántica reclama que cada restrición sanitaria leve a súa compensación aparellada