Marea Atlántica | nota de prensa

A Marea Atlántica reclama que a oposición volva participar no seguimento dos proxectos financiados con fondos DUSI

O goberno de Xulio Ferreiro acadou 15 millóns de euros da UE para iniciativas de cidade e creou unha comisión especial para que todos os grupos puidesen participar da estratexia, pero foi eliminada por Inés Rey

A Marea Atlántica reclama que a oposición volva participar no seguimento dos proxectos financiados con fondos DUSI

Presentaremos unha emenda no vindeiro Pleno, este xoves, para aumentar a transparencia na xestión da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible

A Coruña, 5 de xullo de 2021.- A Marea Atlántica reclama que todos os grupos da oposición teñan voz e poidan participar no seguimento dos proxectos da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible da Coruña (EDUSI), tal e como acontecía no pasado mandato. Este xoves, no Pleno, presentará unha emenda á proposta do goberno local para mudar o cadro de mando da estratexia co obxectivo de aumentar a súa transparencia.

Foi o goberno de Xulio Ferreiro o que conseguiu 15 millóns de euros da Unión Europea, a máxima contía posible, para financiar iniciativas coma a humanización do espazo público, reformas nos mercados, redución de emisións contaminantes, novas zonas verdes ou a creación dun Observatorio de Igualdade. Levou a aprobación da EDUSI ao pleno, sen ter obriga de facelo, e creou unha comisión especial para que todos os grupos do Concello puidesen participar na súa confección e fiscalizar o seu desenvolvemento. Esta práctica, de abrir o proxecto EDUSI á participación real da oposición coma cómpre nun proxecto de cidade, desapareceu coa chegada de Inés Rey.

Os cambios na EDUSI non foron consensuados.

En canto aos cambios e modificacións concretas que o executivo local leva a Pleno, realizáronse sen consensualos co noso grupo e, polo momento, a información da que dispoñemos é escasa. Estudarémolas ao detalle para valoralas antes da celebración do pleno.

O obxectivo da EDUSI é impulsar unha Coruña verdadeiramente sustentable e de proximidade, integradora, que participe dun modelo de economía social en beneficio da maioría da poboación e, en especial, dos sectores máis vulnerables. Pedímoslle a Inés Rey que no perda estes obxectivos de vista.

A Marea Atlántica reclama que a oposición volva participar no seguimento dos proxectos financiados con fondos DUSI