Marea Atlántica | nota de prensa

A Marea Atlántica vota en contra dos orzamentos de Emalcsa

O goberno municipal comprometérase a poñer en marcha esta medida de soberanía enerxética (o acordo para crear un operador enerxético municipal) o 17 de decembro de 2019. Un ano despois, o proxecto nin aparece nas previsións para 2021

María García: “Ao PSOE da Coruña non lle interesan as políticas ambientais máis alá de facer declaracións grandilocuentes”

A Marea Atlántica vota en contra dos orzamentos de Emalcsa
Consello Emalcsa
Consello Emalcsa

A Coruña, 11 de decembro de 2020.- A Marea Atlántica rexeitou hoxe os orzamentos da Empresa Municipal de Augas (Emalcsa) por incumprir, por segundo ano consecutivo, o acordo para a creación dunha empresa municipal de enerxía na Coruña. As contas foron aprobadas únicamente co voto do PSOE.

A nosa voceira municipal, María García, lembrou que esta medida “xa formaba parte dos acordos para a investidura de Inés Rey e o goberno municipal se comprometera a dar o primeiro paso o 17 de decembro de 2019. Nin o fixo daquela nin o fai hoxe, 12 meses despois. É unha mostra máis de que ao PSOE da Coruña non lle interesan as políticas ambientais nin a soberanía enerxética, máis alá de facer declaracións grandilocuentes”.

“Desde a Marea Atlántica recoñecemos o traballo de Emalcsa como empresa municipal que xestiona a auga dende criterios de interese público. O mesmo debería ocorrer coa enerxía, que é outro recurso esencial. Por iso mesmo apostamos por encomendarlle a creación dun operador enerxético 100% público que, usando fontes de enerxía renovable, poida subministrar electricidade ás instalacións do Concello e aos fogares máis vulnerables. Un acordo asinado, ratificado e incumprido repetidamente”, sinalou María Garcia.

En 2019, a escusa para non incluír o operador enerxético nos orzamentos foi que Emalcsa debía ter a condición de medio propio municipal para constituílo. Este problema resolveuse no pleno do 6 de febreiro. O 5 de xuño, aproveitando o Día Mundial do Medio Ambiente, a alcaldesa anunciou a creación do operador enerxético coma unha grande novidade. Dende aquela non houbo o máis mínimo avance, e nin un só euro reservado no Orzamento de Emalcsa para 2021.

Un compromiso da Axenda 2030

Esta situación prodúcese, ademais, 11 días despois de que o Pleno do Concello da Coruña aprobase, por unanimidade, comezar a traballar nos compromisos da Axenda 2030 das Nacións Unidas, nos que a soberanía enerxética ocupa un importante papel. O propio goberno municipal recólleo na exposición de motivos do acordo que levou ante a Corporación, pero a xulgar polos feitos non parece ter moito interese en respectar as liñas de actuación definidas pola ONU.

Como se recolle na proposta acordada co goberno municipal o 13 de decembro de 2019, esta nova iniciativa municipal ocuparíase, no marco da Lei do sector eléctrico, de adquirir enerxía nas mellores condicións de calidade, sustentabilidade e prezo, apostando polas fontes renovables.

Ademais, garantiría o acceso ao subministro “para cubrir as necesidades básicas mínimas e suficientes en todos os fogares”, combatendo a pobreza enerxética, do mesmo xeito no que Emalcsa xa garante o mínimo vital de auga grazas a un dos poucos acordos coa Marea Atlántica que si foron cumpridos.

Desgraciadamente, outros compromisos do goberno de Inés Rey asinados coa Marea Atlántica en materia de enerxía e emerxencia climática continúan en punto morto. Entre eles, o Mapa das Enerxías Renovables, para identificar as potencialidades da cidade na obtención de enerxía, a Oficina da Enerxía para atención cidadá en cuestións de aforro, eficiencia e tarifas; o Plan de Formación Ocupacional para o fomento do emprego no sector das renovables ou a propia actualización da Estratexia de Cambio Climático, cuxo periodo de vixencia remata en 2020. “Resulta desalentador observar o nulo compromiso do goberno local coas políticas de protección medioambiental. O retroceso é enorme”, afirma García.

Comentarios
A Marea Atlántica vota en contra dos orzamentos de Emalcsa